Presentado nas xornadas de linguas minoritarias de Aveiro o proxecto sobre o galego nos contextos de socialización infantil

O membro do equipo de traballo do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega Gabino Vázquez-Grandío presentou nas II Jornadas em Línguas Minoritárias organizadas polo grupo de investigación VARIALING da Universidade de Aveiro o proxecto sobre a xestión lingüística nos principais contextos de socialización infantil de Galicia que está a desenvolver a RAG. A exposición ofreceu unha visión de conxunto da investigación en marcha, financiada pola Deputación da Coruña.

Tamara Flores Pérez presenta a Gabino Vázquez-Grandío

O proxecto, centrado na etapa de infantil e primaria, atende á xestión lingüística nos principais contextos de socialización das nenas e nenos e emprega un enfoque cualitativo, complementando así os datos obtidos noutros proxectos recentes. Metodoloxicamente baséase nunha mostra de medio cento de entrevistas recollida na comarca de Santiago de Compostela, dous grupos de discusión e a observación en varios contextos.

A investigación sociolingüística recente amosa que o galego, aínda que conta cunha considerable vitalidade no conxunto das linguas non estatais, está sometido a un proceso paulatino de substitución lingüística que provoca a diminución do número de falantes co avance das xeracións. «De acordo ao que sabemos, tras disto hai dous fenómenos fundamentais: a creba da transmisión interxeracional e o abandono da lingua galega por parte dos seus falantes. Centrándonos no segundo aspecto, preguntámonos que é o que está a acontecer coa socialización dos máis novos que aprenden o galego na casa pero logo non reteñen a lingua familiar», resume Vázquez-Grandío. A dimensión deste último proceso foi patente nos resultados do recentemente publicado Mapa sociolingüístico escolar de Ames, que amosa como a desgaleguización se inicia nos primeiros anos de escolarización e se precipita no paso da Educación Infantil á Primaria.

Na mesma liña que o estudo desenvolvido coa colaboración do Concello de Ames, o proxecto presentado en Aveiro vai alén da escola e incorpora outros espazos de socialización infantil para abranguer diversos actores e contextos. « Partimos do estudo da socialización primaria no seo das familias e continuamos coa análise da educación escolar, as prácticas lingüísticas nos servizos de conciliación da vida laboral e familiar e as actividades extraescolares, todos eles lugares nos que as nenas e nenos pasan gran parte do seu tempo», concreta.