Presentación do documental 'Begoña Caamaño; navegar no pracer do azul'

A Escola Superior de Arte Dramática de Galicia acolle a presentación pública en Vigo do documental Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul, unha produción da Real Academia Galega dirixida por Damián Varela e Alba López que contou coa colaboración do centro educativo. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala.

Lucía Costas Pérez, Sabela Pereira Rodríguez, Alba Rocha, Daniel Vicente Ferreira e Julio Alonso Rodríguez, alumnas e alumnos deste centro, son parte do elenco que interpreta no filme fragmentos da obra literaria da protagonista do Día das Letras Galegas 2026. A película pode verse xa nesta páxina web e na canle de Youtube da RAG, pero esta será unha ocasión para gozar dela nunha pantalla grande e conversar cos directores, as actrices e os actores e outras voces que participan nesta proposta.

Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul é unha película da RAG realizada co apoio da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.