Detalle da portada do libro Nimbos (Galaxia, 1961)
PENÉLOPE
Un paso adiante i outro atrás, Galiza,
i a tea dos teus sonos non se move.
A espranza nos teus ollos se esperguiza
aran os bois e chove.
Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mól como unha uva.
Pro ti envóveste en sabas de mil anos
i en sonos volves escoitar a chuva.
Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, Xesús María!
e toda a cousa ha de pagar seu desmo.
Desorballando os prados coma sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
Un paso adiante i outro atrás, Galiza!
Unha versión deste poema musicada por Mini e Mero pódese escoitar aquí.