'Paseo', de Luís Pimentel

Autor dunha obra publicada, na súa meirande parte, de xeito póstumo, Luís Pimentel (Lugo, 1895-1958) foi "un representante da poesía pura, cargada de simbolismo", en palabras da académica correspondente Olivia Rodríguez.
Luís Pimentel ante a fonte de Praterías
Luís Pimentel ante a fonte de Praterías


O poema que reproducimos máis abaixo está tirado do seu libro Sombra do aire na herba, editado por Galaxia en 1959. En 1990, a Academia dedicoulle o Día das Letras Galegas, a súa páxina pódese consultar nesta ligazón.

Paseo
De sutaque sorprendín a mañá
entrando na vila,
cantando da mao da fina chuvia.
Cos pes espidos e mollados
viña dos camiños verdes, profundo.
Dedos de vento transparentes, baleiros,
en bruñidas bandexas.
Skerzo da zoca na acera.
Leda canción.
E debaixo do mantel de liño fresco
a muller do obreiro leva as doce campanadas.

Unha canción que se cae e se levanta.
O polvo nas alas e tamén o ceo.
Unha canción tan lonxana e lene
como a sombra do aire na herba.
Hasta min chega tan sólo en anacos;
mais eu enténdoa exaita i enteira,
como a sombra do aire sobre a herba.