Os primeiros Xogos Florais de Galicia

A Coruña acolleu o 2 de xuño de 1861 acolleu o encontro que deu lugar á publicación do 'Álbum de la Caridad', a primeira antoloxía poética do Rexurdimento 
Imaxe do enterro de Curros
Imaxe do enterro de Curros

O 2 de xullo de 1861 celebrábanse no Teatro Principal da Coruña os primeiros Xogos Florais de Galicia. Para evitar que o certame ficase no esquecemento unha vez rematado, o mecenas da celebración, o comerciante e escritor José Pascual López Cortón, custeou un volume que recollía os traballos premiados e ao que se lle engadiría unha selección da poesía galega do momento. Así é presentado, desde a biblioteca da Academia, o Álbum de la Caridad, publicado en 1862 pola imprenta do Hospicio Provincial da Coruña. O exemplar que se conserva nesta institución foi adquirido mediante compra o día 4 de xaneiro de 1913.

Desde o arquivo da RAG publícase un comentario sobre a Alborada de Pascual Veiga, que presenta variacións importantes respecto da forma tradicional das alboradas, cunha estrutura máis complexa e unha tonalidade diferente. A Alborada Gallega, ou Alborada de Veiga, estreouse durante os Xogos Florais de Pontevedra de 1880.

O Vello do Pico-Sagro, editado na Coruña en 1860, é a publicación que achega a hemeroteca arredor destas celebracións. Constitúe a primeira publicación periódica monolingüe en galego e, malia a súa breve duración de só cinco números, O Vello do Pico Sagro ocupa un lugar sobranceiro na historia da prensa galega.

Dende a Colección RAG, amósase a bandeira que cubriu os restos mortais de Curros Enríquez, poeta fundamental do Rexurdimento, na súa derradeira viaxe, desde a Habana ata A Coruña, en marzo de 1908. Trátase da bandeira galega máis antiga que se conserva e, moi posiblemente, sexa a primeira feita en tea que ondeou en Galicia.