Imaxe dunha páxina da partitura da Alborada de Veiga
Nado en Mondoñedo en 1842, Pascual Veiga é o autor de dúas das obras musicais máis representativas da nosa cultura: a Alborada e o Himno.
A alborada é unha composición de orixe popular que un gaiteiro debía executar, con acompañamento de tamboril, os días de festa ou de patrón pouco despois do amencer, da alba, de onde procede o seu nome. É un xénero solemne, cun ritmo medio de 2/4 e de gran antigüidade. A composición de Pascual Veiga que comentamos amosa, no entanto, algunhas variacións importantes respecto da forma tradicional tanto na súa estrutura, máis complexa, como na tonalidade, pois está composta en clave de Fa, e non en Do ou Re maior, como acontece no formato popular.
A Alborada Gallega ou Alborada de Veiga, como tamén é coñecida xunguindo para sempre no título composición e autor, estreouse durante os Xogos Florais de Pontevedra de 1880 co título de "Estrela coruñesa", nome da poesía de Francisco María de la Iglesia sobre a que fora composta a melodía e que, interpretada polo Orfeón Brigantino, conseguiu o máximo galardón neste certame. Máis tarde, e xa co nome de "Alborada Gallega", preséntase na Exposición Internacional de París de 1889 onde, interpretada polo Orfeón Coruñés so a dirección do propio Pascual Veiga, é premiada coas palmas académicas, mentres o Orfeón, pola súa parte, recibe a Gran Medalla de Ouro.
Desde o momento da súa composición e ata os nosos días, a Alborada de Veiga pasou a ser unha das pezas musicais galegas máis populares, quer na súa forma coral e cantada, quer na súa execución unicamente instrumental, sendo interpretada en multitude de festas, romarías e actos públicos.
A partitura manuscrita pertence ao fondo Pascual Veiga. Este fondo pertenceu a Augusto Veiga Valenzano, emigrado na Arxentina e fillo do compositor. Posteriormente pasou ás mans da súa filla María Pilar Veiga González que o doou, en nome de todos os seus irmáns, á RAG. A partitura completa pode consultarse aquí.
A Academia tamén posúe o poema mecanoscrito orixinal de Francisco María de la Iglesia.