O 2 de xullo de 1861 celebrábanse no Teatro Principal da Coruña (hoxe Teatro Rosalía de Castro) os primeiros Xogos Florais de Galicia, impulsados e custeados por José Pascual López Cortón, un galego enriquecido na emigración con inquietudes culturais e amor ao seu pobo.
Para evitar que o certame ficase no esquecemento unha vez rematado, López Cortón decidiu facerse cargo tamén da publicación dun libro que recollese os traballos premiados, ao que se lle engadiría ademais unha selección da poesía galega máis relevante do momento.
Nace, deste xeito, o Álbum de la Caridad, publicado en 1862 pola imprenta do Hospicio Provincial da Coruña e denominado así porque os beneficios da súa venda irían destinados ao asilo da cidade herculina por mediación da Asociación de Beneficencia presidida por Juana de Vega.
Á marxe dos antigos cancioneiros, concibidos máis con criterio de recompilación que de selección, este Álbum marcará un fito esencial na historia da literatura galega por ser considerado a primeira antoloxía poética do Rexurdimento das nosas letras.
En canto á estrutura, a obra recolle en primeiro lugar, toda a información relativa ao desenvolvemento dos Xogos Florais.
A continuación engádense os traballos premiados no certame entre os que figuran autores como Luís Rodríguez Seoane, Salustio Víctor Alvarado ou José Villaamil y Castro.
Seguidamente aparece a parte máis extensa e relevante da obra, a antoloxía poética denominada "Mosaico poético de nuestros vates gallegos contemporáneos", unha selección de poesías en castelán e galego feita por Antonio de la Iglesia, quen achega, ademais, algúns poemas propios. Tamén están representados, entre outros, insignes poetas como Aurelio Aguirre, Concepción Arenal, Rosalía de Castro, Manuel Murguía, Nicomedes Pastor Díaz, Juan Manuel Pintos e Eduardo Pondal.
Por último, no apartado titulado "Mención de otros autores", recóllense os nomes doutros moitos escritores da época sen representación na obra.
No Arquivo da Real Academia Galega pódense consultar os manuscritos dalgúns poemas contidos no Álbum, así como parte das galeradas da obra.
O día 2 de xullo de 2011 a Real Academia Galega rendeu homenaxe na Coruña a estes primeiros Xogos Florais cando se cumprían 150 anos da súa celebración. O lema escollido foi "Unha estrela no ceo de Galicia".
O exemplar desta institución conserva na cuberta orixinal o seu antigo número de rexistro, grazas ao cal temos constancia de que ingresou na biblioteca mediante compra o día 4 de xaneiro de 1913.