Manuel González González é catedrático de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago de Compostela e coordinador do Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega, dende o que dirixe o Dicionario en liña da institución. É ademais coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, académico correspondente de Euskaltzaindia e do Institut d'Estudis Catalans.
O académico desenvolveu unha destacada carreira investigadora que deu lugar a numerosas publicacións no eido da xeografía lingüística, a lexicografía ou a terminoloxía. É coautor do Atlas Lingüístico Galego, pertence ao equipo do Atlas Linguistique Roman e do Atlas Linguarum Europae e dirixe o Termigal, entre outras responsabilidades.
Os Premios da Cultura Galega 2022 tamén recoñecen, na categoría de Proxección Exterior, o programa Conciencia da USC, posto en marcha polo catedrático de Electromagnetismo e académico correspondente Jorge Mira.
Na categoría de Letras foi distinguida Marica Campo; na de Artes Visuais, María Victoria Carballo-Calero; na de Música, os Cursos Universitarios Internacionais Música en Compostela. Xacarandaina recibirá o galardón de Patrimonio Cultural e Xosé Ramón Gayoso, o de Audiovisual.