A académida Margarita Ledo posa co seu premio xunto ao presidente da RAG, Xesús Alonso Montero. Foto: Eloi Vidal Varela
No seu discurso, que pode lerse na sección Tribuna, Margarita Ledo lembrou o artista hip-hop Jean-Michel Basquiat, quen malia morrer con só 27 anos converteuse nunha das referencias na arte contemporánea. A arquiveira-bibliotecaria da RAG e catedrática de Comunicación Audiovisual contou como percorrendo o día anterior a mostra da súa obra no Museo Gugennheim pensou "que unha nación pequena e subalterna tamén pode contribuír a transformar a humanidade". A mostra ten como nó organizador a consigna Now is the time do discurso "I have a dream" de Martin Luther King, que a premiada comparou con "os tempos son chegados" de Eduardo Pondal.
"Cando, a día de hoxe, volvemos dicir ‘os tempos son chegados', dámoslle continuidade a unha xinea que tomou posición, que interveu no medio e medio da praza, que soergueu símbolos, que anticipou un xeito de pensar o futuro como emancipación comunal. Now is the time (…), tamén para nós esa frase do Himno significa que cómpre acadar poder político para deter a nova emigración, que é preciso mudar para as mans do común eses recursos imprescindíbeis para que a igualdade deixe o limbo das declaracións e pase a ser parte desta terra na que pomos os pés", engadiu a académica.
Na homenaxe, celebrada na sede da Fundación Eduardo Pondal, na aldea do Couto de Ponteceso, participaron numerosos amigos e autoridades, entre eles o alcalde do concello e presidente da Fundación, Lois García Carballido, e o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, xunto a outros académicos.