Os desafíos para os medios en galego nun escenario de cambio

A directora da revista dixital Vinte, María Yáñez, analizou nos Cursos de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras" as oportunidades e os desafíos para a lingua galega nos medios de comunicación no mundo dixital. A xornalista ofreceu ao alumnado un breve percorrido pola historia do xornalismo en galego, desde a aparición d'O Tío Marcos da Portela, en 1876, ata o escenario actual, "un momento crítico tanto para a lingua como para o xornalismo", valorou.

María Yáñez nun momento da súa intervención. Fonte: RAG


"Hoxe os medios de comunicación nunha lingua minorizada como a nosa teñen que pensar moi ben a súa estratexia para manter vivo o galego entre a xente nova, que cada vez consome menos os medios de maneira tradicional, non le o xornal nin ve a televisión", salientou a xornalista, á fronte dunha publicación de sociedade, cultura e tendencias que aposta forte polos contidos audiovisuais e pola presenza nas redes sociais máis empregadas pola mocidade.

María Yáñez lamentou a escaseza de prensa, radio e televisión en galego e botou en falta "certa masa crítica" de iniciativas no eido dixital, con frecuencia —dixo— pequenas e voluntaristas, pero mostrouse convencida de que a lingua do país ten futuro en Internet. Proba diso, concluíu, é a boa receptividade da audiencia aos contidos creados en galego: "Conseguen un engagement brutal, achegan un valor emocional que fai que teñan máis gústames nas redes sociais".