O colexio de Sada y sus Contornos, situado ao pé do mar na vila onde Luísa Villalta foi docente dende 1990 ata o seu pasamento prematuro en 2004, promoveu o coñecemento da figura e da obra da autora con distintas iniciativas nas que os nenos e nenas se involucraron moi activamente. Bandas deseñadas sobre a escritora, unha entrevista radiofónica a exalumnos de Villalta e un festival co gallo da celebración do 17 de maio foron parte das propostas desenvolvidas ao longo do curso 2023-2024. O alumnado levou ademais á escena unha adaptación de Violino, inglesa e o libro xigante. Pequena biografía de Luísa Villalta, a historia escrita por Ana María Fernández e o académico correspondente Xoán Babarro para Primavera das Letras, contando con Óscar Villán como ilustrador. A primeira representación teatral celebrouse con motivo da presentación da última edición deste espazo dixital da Academia, en marcha dende 2016 co apoio económico da Deputación da Coruña.
O CEIP da Espiñeira-Aldán, un dos premiados na edición anterior do concurso, resultou de novo gañador de Contádenos o voso Día das Letras en recoñecemento a unha completa proposta de sete obradoiros. Cada un nomeouse cunha nota do pentagrama, en referencia á faceta musical que sempre acompañou a Villalta, e dedicouse a profundar na súa vida e obra, así como a promover o uso do galego. Unha colaxe literaria, actividades de escritura creativa partindo de versos da autora sobre grandes temas da súa obra, un podcast sobre a homenaxeada, o Rosco Letras Galegas 2024 e propostas de acompañamento musical para versos da poeta foron parte das iniciativas levadas a cabo neste colexio cangués.
No Colexio Fogar de Santa Margarida o alumnado de todos os niveis participou durante toda unha semana na Xincana de Luísa Villalta, cunha serie de xogos e pasatempos para distintas idades arredor da vida e do legado literario da escritora. Os estudantes do centro coruñés foron ademais parte do equipo do vídeo A Coruña de Villalta, un traballo que implicou nenos e nenas de distintos colexios de Escolas Católicas da Coruña.