Letras galegas 2020

O Simposio Ricardo Carballo Calero profunda no tempo e no legado do protagonista das Letras Galegas 2020

A Real Academia Galega retomará en outubro a celebración das Letras Galegas de Ricardo Carballo Calero. Ao longo de todo o mes, a sede da institución, na rúa Tabernas da Coruña, acollerá o Simposio Carballo Calero, que arrincará o xoves 8 de outubro ás 19:00 horas cunha sesión dedicada ao autor no seu tempo. Será a primeira de catro xornadas que contará cunha ducia de voces expertas como convidadas e que profundarán no legado do filólogo, escritor, profesor e académico ao que a RAG lle rende homenaxe este ano. O programa, organizado co apoio da Xunta de Galicia, continuará os xoves 15, 22 e 29 de outubro. O público poderá asistir ao simposio previa inscrición en cada unha das sesións. Todas as intervencións serán emitidas en directo a través de academia.gal.

Tamén poderá verse a través da Rede o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas, que terá lugar na cidade natal do homenaxeado, Ferrol, o sábado 31 de outubro, cadrando co seu 110 aniversario. A RAG rendeulle homenaxe o pasado 17 de maio cunha sinxela ofrenda floral ante á súa casa en Santiago de Compostela, tras ter que adiar o tradicional acto por mor do confinamento. Nun contexto que segue a estar marcado pola pandemia, a institución reforzará a divulgación do legado de Carballo Calero coa emisión a través de Internet da programación especial que lle dedica. A Academia seguirá ademais a celebrar na Rede as Letras Galegas 2020 a través de proxectos como Primavera das Letras —onde ofrece recursos lúdicos e didácticos para que os nenos e nenas coñezan a figura de Carballo Calero de xeito ameno— e o Portal das Palabras.

Carballo Calero no seu tempo

O profesor ferrolán foi unha das figuras máis relevantes da cultura galega da segunda metade do século XX. Na mocidade foi membro do Seminario de Estudos Galegos e colaborador da revista Nós, participou na redacción do Estatuto de Autonomía de 1936 e, xa no exilio interior, implicouse activamente nas estratexias de recuperación do idioma propio. Membro da Real Academia Galega, destacou tanto no ámbito da creación literaria como na crítica e na investigación filolóxica. En 1972 converteuse no primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas da Universidade de Santiago de Compostela.

O Simposio Ricardo Carballo Calero comezará o segundo xoves do mes de outubro cunha mesa dedicada ao autor no seu tempo moderada polo académico Ramón Villares. O catedrático de Historia da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Justo Beramendi situará a súa figura no nacionalismo galego de anteguerra; a profesora de Filoloxía da mesma institución e autora de Conversas con Carballo Calero, Carmen Blanco, percorrerá os anos da resistencia, dende a guerra á posguerra; e o profesor de Lingua e Literatura Galega da Universidade de Vigo José-Martinho Montero Santalha abordará o período final, de 1980 ata o pasamento do homenaxeado en 1990.

O eixe da seguinte xornada, que se desenvolverá o 15 de outubro, serán os estudos sobre literatura de Carballo Calero, autor da Historia da literatura galega contemporánea (1963), o primeiro gran traballo de sistematización das nosas letras. A académica Marilar Aleixandre moderará a mesa na que a profesora da USC Dolores Vilavedra será a encargada de analizar as contribucións á canonización da narrativa galega de Carballo Calero; Alberte Valverde centrarase nos seus traballos arredor da poesía e a profesora da Universidade da Coruña (UDC) María Pilar García Negro porá o foco nos estudos que realizou sobre Rosalía de Castro, "unha achega maxistral". Entre eles, figura o discurso de ingreso de Carballo Calero na Real Academia Galega, pronunciado o 17 de maio de 1958, cinco anos antes de que a RAG lle dedicase á autora o primeiro Día das Letras Galegas, cadrando co centenario da publicación dos seus Cantares gallegos.

O Carballo Calero creador e as achegas ao idioma

A creación literaria de Carballo Calero protagonizará a xornada do 22 de outubro. A poeta Pilar Pallarés, antóloga da poesía do homenaxeado con volumes como Beleza, verdade, profundará na "poesía e ficción do eu" do protagonista das Letras Galegas 2020; a profesora da UDC Laura Tato, experta en dramaturxia, centrarase na súa produción para o teatro; e o escritor Henrique Rabuñal, autor de Ricardo Carvalho-Calero. O anxo da terra, deterase na voz narradora do académico e prestará atención á presenza das mulleres na novela Scórpio (1987).

A directora da Sección de Lingua da RAG, a académica Rosario Álvarez, conducirá o xoves 29 de outubro a derradeira xornada do simposio, dedicada ás ideas e ás achegas ao idioma de Carballo Calero. O coordinador do Seminario de Sociolingüística, Henrique Monteagudo, centrarase no ideario lingüístico sobre o galego do autor no período comprendido entre 1950 e 1965; o investigador Serafín Alonso Pintos afondará na liña do galego literario na súa gramática, saída do prelo por primeira vez en 1966 e manual de referencias para varias xeracións; e o presidente da Associação Galega da Língua, Eduardo Maragoto, disertará sobre o seu pensamento no reintegracionismo do século XXI.