O Seminario de Sociolingüística participa no II Simposio Internacional Aspectos Lingüísticos do Noroeste Ibérico

O II Simposio Internacional Aspectos Lingüísticos do Noroeste Ibérico que se celebra na Universidá d'Uviéu contou coa participación do membro do equipo de traballo do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega Gabino S. Vázquez Grandío, que compartiu coas persoas asistentes o proxecto que a institución está a desenvolver co Concello de Ames e os centros educativos para dinamizar o galego entre as novas xeracións.

Gabino S. Vázquez Grandío participou na sesión de lingua e sociedade na que tamén se expuxeron outras achegas sobre o galego, o asturiano e o astur-leonés. Na súa intervención, lembrou que a colaboración con Ames arrincou co informe A lingua no CEIP Agro do Muíño (2018), continuou co Mapa sociolingüístico escolar de Ames (2021) e prosegue agora con novos traballos para dinamizar o uso do galego entre as novas xeracións.

O obxecto da intervención é todo sistema educativo de Ames, nas etapas de educación infantil e primaria, pero transcende o ámbito escolar. A diferenza doutros programas e propostas de dinamización, ten así tamén en conta os servizos complementarios e de conciliación e actividades extraescolares, e desenvólvese de maneira participativa contando con todos os axentes implicados, salientou Gabino S. Vázquez Grandío.