O rap “Vibrando con Xela Arias” substituíu o timbre do colexio de Oia durante a semana do Día das Letras Galegas e volve facelo nestes días de fin de curso. O tema foi gravado por boa parte dos alumnos e alumnas de 5º curso grazas ao traballo da súa titora, Sofía González Cordero, e o profesor de música, Elías Domínguez Pereira.
O podcast gañador na modalidade de secundaria está protagonizado polo alumnado de 2º da ESO do IES Fontexería, baixo a coordinación da profesora de galego Olalla Liñares García, e contou tamén coa participación das docentes María Cernadas e María Viturro.
O centro de educación especial Saladino Cortizo fíxose cun premio especial pola peza radiofónica titulada “Xela”, realizada polo alumnado de tránsito á vida adulta, de entre 16 e 21 anos, e gravada pola súa titora, Rebeca Medina. O colexio recuperou este curso académico a radio escolar a través da programación da biblioteca, á fronte da cal está a profesora de audición e linguaxe Mercedes Fragueiro.
Todos os traballos gañadores e mais os finalistas poden escoitarse nesta ligazón.