O presidente da Real Academia Galega mantivo este mediodía unha entrevista de presentación co alcalde de Vigo na sede do concello olívico. Henrique Monteagudo, acompañado da tesoureira María López-Sández, abordou con Abel Caballero, entre outras cuestións, a posibilidade de establecer colaboracións futuras entre ambas as institucións orientadas á promoción do galego na infancia e na mocidade.
A reunión, na que tamén participou por parte do goberno local o concelleiro de Cultura, Gorka Gómez Díaz, enmárcase na rolda de presentacións da nova presidencia da RAG. Con estes encontros a Academia pretende dar a coñecer aos distintos axentes sociais, políticos e culturais os seus principais proxectos para os vindeiros anos e seguir a reforzar o diálogo interinstitucional a prol da lingua e da cultura galegas.