Víctor F. Freixanes agradeceu a visita de José Ramón Gómez Besteiro, que acudiu ao encontro na sede temporal do polígono de Pocomaco acompañado pola deputada Silvia Longueira, voceira de Lingua na Cámara autonómica; e Julio Abalde, portavoz de Universidades. Por parte da Academia participou tamén no encontro o vicesecretario da institución, Henrique Monteagudo, coordinador do Seminario de Sociolingüística e académico responsable do seguimento das obras de rehabilitación integral da sede da Academia, que se están a executar con financiamento do Goberno central. O presidente confiou, en declaracións aos medios de comunicación antes da xuntanza, en que a Academia poida volver á rúa Tabernas “nun prazo razoable”.
Canto ao futuro do idioma, Víctor F. Freixanes manifestoulle ao portavoz dos socialistas no Parlamento de Galicia e secretario xeral do PSdeG a convicción da RAG da necesidade de “buscar espazos de encontro arredor de algo tan importante como o patrimonio nacional da lingua”, na liña manifestada no pleno extraordinario do pasado Día das Letras Galegas.