Un momento da xuntanza. Fonte: RAG
“Cómpre abrir un novo tempo que signifique superar o actual modelo de políticas lingüísticas e, entre elas, o Decreto 79/2010, que limita o uso do galego no ensino. Necesitamos unha intervención urxente, non podemos mirar para outro lado, e iso require partir dun gran pacto entre as forzas políticas con representación no Parlamento. Se estas non son quen de se poñer de acordo para garantir o futuro dun patrimonio común tan fundamental como é a nosa lingua, a sociedade, o pobo, váillelo demandar”, advirte Víctor F. Freixanes.
A reivindicación da RAG non é nova. Dende hai tempo vén reclamando, en distintas declaracións e nas conclusións das análises realizadas dende o Seminario de Sociolingüística, un cambio de rumbo na política lingüística que permita reverter a perda de falantes, especialmente acusada entre a poboación de menor idade.
Nesta liña, na xuntanza de hoxe, Víctor F. Freixanes insistiu na mensaxe que expresou no pleno do pasado Día das Letras Galegas, cando fixo unha chamada ao conxunto da sociedade e das forzas políticas en particular para traballar conxuntamente no deseño dun novo horizonte para a lingua que “corrixa erros e abra esperanzas”. Tras publicárense os últimos datos do Instituto Galego de Estatística sobre o coñecemento e o uso do galego –que sinalan que deixou de ser o idioma máis falado no país–, a Academia advirte unha vez máis que urxe mudar de estratexia dende a procura de consensos.
O Seminario de Sociolingüística da RAG está a traballar nun novo informe sobre a situación do idioma e posibles liñas de actuación para o seu futuro. O documento difundirase proximamente, unha vez presentado no pleno da Academia.