Os estudantes agasallaron o presidente cun gravado do artista arxentino Rafael Cid e foi obsequiado cunha escolma de publicacións da Academia. A xuntanza, que tivo lugar na Fundación Luis Seoane, rematou cunha interpretación de "Terra" das Tanxugueiras. Lourdes Gómez Bermúdez, cuxos avós se asentaron en Buenos Aires procedentes de Muxía e Santiago de Compostela, e Maite Mercado, con raíces en Colombia e Ucraína, puxeron as voces. Os bailadores foron os seus compañeiros Bautista Rojas, Nicolás Basovnik e Candela Doural Oubiña. Os avós de Bautista proceden de Pontevedra, a familia de Nicolás ten raíces checas e en Asados (Rianxo) e a de Candela é orixinaria de Vilagarcía de Arousa e Baiona.
A recepción do presidente da RAG ao alumnado do Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstolo é xa unha tradición. Moitos dos mozos e mozas do último curso da secundaria que cada curso visitan Galicia teñen raíces galegas, pero tamén abondan outros sen vínculos familiares con Galicia, con devanceiros procedentes dende a propia América a Asia, e que se mergullan de cheo na cultura e na lingua galega a través da súa formación neste centro educativo. Víctor F. Freixanes salientou a emoción que causa recibir os estudantes deste colexio e agradeceu o labor do profesorado que fai posible gañar para a cultura galega novas xeracións que viven á outra beira do Atlántico.