O presidente da RAG reúnese co titular da Xunta de Galicia

O presidente da Real Academia Galega reuniuse onte en San Caetano co presidente da Xunta de Galicia. A visita a Alberto Núñez Feijoo, a primeira de carácter institucional de Víctor F. Freixanes desde que foi elixido responsable da RAG o pasado 28 de marzo, foi un encontro "cordial" no que se falou de defensa da lingua e da posibilidade de desenvolver proxectos concretos a prol do seu estudo, uso e difusión. "Atopamos unha boa disposición que agradecemos", asegurou tras o encontro.

Pola esquerda, a arquiveira-bibliotecaria da RAG, Fina Casalderrey, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, en San Caetano. Na recepción tamén participaron o secretario da RAG, Henrique Monteagudo; e o vicesecretario, Andrés Torres Queiruga. Fonte: Xunta


Na xuntanza tamén participaron o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e os membros da comisión executiva da Academia Henrique Monteagudo, Fina Casalderrey e Andrés Torres Queiruga. Víctor F. Freixanes puxo o acento no compromiso da Academia para traballar na procura de maiores sinerxías coa cidadanía. "A lingua é dos falantes. A RAG é depositaria dunha memoria histórica que ten obriga de manter e desenvolver, con proxectos e iniciativas nas que debemos implicar o conxunto da sociedade civil. Un dos nosos compromisos é conectar coa sociedade galega para facela consciente da importancia dun patrimonio como é o idioma propio", expresou tras o encontro.

Nesta liña, recordou que para que a Academia poida desenvolver o seu labor a prol da lingua e da cultura galegas o seu orzamento "necesita reforzarse, con axudas públicas e con apoios da sociedade civil". Como exemplo dos traballos que realiza, referiuse ao Dicionario, unha ferramenta en constante actualización que recibe cada día máis de corenta mil consultas. O responsable da RAG explicou que o orzamento anual da RAG é notablemente inferior aos da Euskaltzaindia e o Institut d'Estudis Catalans.

A comisión executiva da RAG continuará o vindeiro luns, 8 de maio, a rolda de entrevistas institucionais cun encontro no Pazo do Hórreo co presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices.