Escolanía de melros é unha obra fundamental na traxectoria de Faustino Rey Romero. A obra saíu do prelo en 1959 con cuberta de Agustín Portela Paz e ex libris de Xosé Conde Corbal. A publicación do Concello de Rianxo realizouse a partir dun dos exemplares editados no seu momento por Gráficas Bolfer do Porriño, con dedicatoria ao tamén relixioso e académico correspondente Xosé Isorna.
A edición está enriquecida con vinte gravados orixinais realizados por quince ilustradores de Rianxo e Padrón para os sonetos do poeta. O labor artístico desenvolveuse no marco dun obradoiro organizado polo Museo do Gravado de Ribeira no Liceo de Rianxo, baixo a dirección de José Fernández Míguez e coa colaboración de Camilo Seira.