O presidente da RAG comparece na comisión do Parlamento sobre a letra do himno de Galicia

O presidente da Real Academia Galega compareceu o pasado xoves na Comisión non permanente especial de estudo sobre a posible modificación da letra do Himno de Galicia do Parlamento autonómico. Henrique Monteagudo sintetizou as claves do informe presentado pola RAG a pedimento da propia Cámara, onde se rexistrou a "Proposición de lei, de iniciativa popular, para a restauración do texto fidedigno do himno galego e a súa difusión".

"Cremos que o ditame da Academia Galega é especialmente significativo pola relación directa que o himno ten coa RAG e a súa creación. Eduardo Pondal foi un dos seus fundadores e unha das figuras máis próximas a Manuel Murguía, e a Asociación Iniciadora e Protectora da Real Academia Galega tivo un papel moi importante na difusión tanto do himno como da bandeira de Galicia e na súa aceptación, primeiro oficiosa. Por outra banda, boa parte da documentación que existe sobre este tema está no noso arquivo", expuso o presidente no inicio da súa intervención, que pode verse na mediateca do Hórreo.

Henrique Monteagudo sinalou que, unha vez cotexada a documentación, se comprobou que non hai que facer grandes cambios para se achegar ao texto orixinal e que a maior parte "aliñarían o texto do himno co que é non só o galego normativo, senón o galego corrente actual". "Non cremos que haxa que normativizar un texto histórico, senón que naquelas cousas nas que volvendo a Pondal nos achegamos ao galego de hoxe estaremos axudando a facer un texto máis correcto, máis de acordo coa vontade de Pondal e, ademais, máis familiar para a xente que o canta", resumiu.