José Miñones Conde salientou que o compromiso da Delegación do Goberno “coa posta en valor da lingua galega e o que é a Real Academia Galega” se plasmará nos vindeiros anos nesta reforma, que se fará “respectando a historia do edificio e afrontando as necesidades presentes e de futuro”, expresou na rolda de prensa celebrada durante un receso da súa visita. O delegado do Goberno percorreu as instalacións do edificio nobre do século XVIII, que se someterá a unha actuación integral para, en primeiro lugar, reforzar a súa estrutura, de acordo coas urxencias detectadas nos informes técnicos, e adaptalo despois ás necesidades presentes e de futuro.
“É moi ilusionante percibir que a Real Academia Galega é unha institución de toda a sociedade galega e, por tanto, de todas as administracións”, salientou Víctor F. Freixanes. O Goberno do Estado asumirá “un protagonismo importante” ao afrontar o custo íntegro das obras, pero “reclamamos e agradecemos o compromiso de todas as demais administracións” cun proxecto que require ademais afrontar unha mudanza complexa e a procura de espazos para que a RAG manteña a súa actividade durante os aproximadamente dous anos que durará a execución das obras, lembrou Víctor F. Freixanes.