Luz Pozo Garza intervén na entrega do Premio Trasalba. Fonte: Fundación Otero Pedrayo
Luz Pozo Garza volveu a Trasalba para recoller o premio da Fundación Otero Pedrayo, un novo recoñecemento á traxectoria de quen, a piques de cumprir 97 anos, segue a ser unha das grandes voces de referencia da poesía galega contemporánea. O xurado salientou o amor, a preocupación existencial, a liberdade da patria e a morte, que se entrelazan "construíndo obras de sublime autenticidade e madureza". A última ata o momento é Pazo de Tor, unha viaxe ás súas raíces familiares á que tamén se referiu no seu discurso.
A poeta María do Cebreiro foi a encargada de ler a loanza da homenaxeada, "a voz máis poderosa da poesía galega do momento", engadiu o presidente da Fundación Otero Pedrayo, Juan Luis Saco. Entre os agasallos, ademais da tradicional figura en bronce de Ramón Otero Pedrayo, deseñada por Manuel Buciños, a Fundación editou un "libro dos amigos", cunha fotobiografía e textos de homenaxe.
Luz Pozo posa co galardón acompañada dos seus fillos Mónica e Gonzalo, o presidente da Fundación Otero Pedrayo, Juan Luis Saco, e o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes. Autor: Luis Baño / F. Otero Pedrayo