O Portal das palabras, finalista dos Premios de Internet

O proxecto desenvolvido conxuntamente pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié foi escollido como un dos tres finalistas entre máis de corenta candidaturas.
Logo do Portal das Palabras
Cabeceira do Portal das palabras


O Portal das palabras, un proxecto de carácter didáctico -desenvolto conxuntamente pola Academia e a Fundación Barrié- destinado a espallar o coñecemento do material lexicográfico elaborado por esta institución entre o público máis novo a través das novas tecnoloxías da información, xa fora recoñecido a primeiros deste ano nos premios Eganet, concedidos pola Asociación de Empresas Galegas dedicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías, co galardón ao Mellor Proxecto Colaborativo Empresarial.

Nesta ocasión, son os Premios de Internet, que teñen por obxectivo distinguir aquelas iniciativas que salientaron ao longo do ano polo seu bo uso de internet e das novas tecnoloxías, os que escolleron o Portal das Palabras como un dos tres finalistas da edición de 2014 entre máis de corenta candidaturas procedentes do estado español e Latinoamérica na categoría de Contidos Dixitais.

O veredicto producirase o vindeiro venres 16 de maio no Senado español, o día antes do Día de Internet, que se celebra cada 17 de maio.