O Portal das Palabras é un proxecto da Real Academia Galega e a Fundación Barrié para a modernización do traballo lexicográfico e a divulgación da nosa lingua. Cada semana, dende esta plataforma ambas as institucións ofrecen xogos, vídeos nos que os membros da Academia resolven dúbidas frecuentes e outros contidos divulgativos que conectan o léxico galego coa realidade cotiá e a actualidade dun xeito ameno.
"A palabra do día" é outra das seccións deste espazo aberto ao diálogo coas persoas usuarias. Dende 2014 o Portal das Palabras convida ademais a toda as persoas que o desexen a participar na escolla da Palabra do Ano. Nas edicións anteriores foron escollidas deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014).