O Pleno da RAG proclama a vacante polo pasamento de Xohana Torres

O Pleno da Real Academia Galega proclamou a vacante da cadeira de número de Xohana Torres, finada o pasado 12 de setembro, na sesión ordinaria celebrada na tarde do pasado venres 6 de outubro. No mesmo encontro tamén se deu conta do pasamento de Nicandro Ares, membro correspondente da RAG falecido o 22 de xullo de 2017.

Tal e como fixa o regulamento da Academia, a vacante rexistrada polo pasamento da escritora Xohana Torres (Ferrol, 1931 - Vigo, 2017) proclamouse no primeiro Pleno ordinario tras a súa morte. A candidatura ou candidaturas para ocupar esta cadeira poderán presentarse, por escrito, ata 24 horas antes do vindeiro Pleno. Unha vez oficializada/s, procederase á votación na seguinte sesión ordinaria.

O Pleno tamén abordou na xuntanza do pasado venres o proxecto para a nova etapa que iniciará proximamente Cadernos de lingua, que seguirá baixo a responsabilidade dos académicos Manuel González González, como director, e Xosé Luís Regueira Fernández, como secretario. A revista, posta en marcha pola RAG en 1990 para promover a investigación científica sobre a lingua galega e divulgar aspectos lingüísticos de interese para as persoas expertas na materia e para a sociedade galega en xeral, reforzará a súa proxección a través da plataforma electrónica Open Journal System, que dá cada vez soporte a máis revistas científicas de todo o mundo. Aínda que a publicación será así fundamentalmente dixital, imprimiranse en papel un número reducido de exemplares de cada volume para atender os compromisos de intercambio con outras revistas.

Integrarán o consello de redacción quince académicos e académicas correspondentes e de número, mentres que o comité científico se ampliará e internacionalizará en maior medida contando con trinta e catro expertos e expertas das tres universidades galegas, doutras partes do Estado e de máis dunha ducia de países de Europa, América e Asia.