O Parlamento edita unha escolma dos discursos de Casares como deputado

O 19 de decembro de 1981 constituíase no pazo de Xelmírez o Parlamento de Galicia. Formaban parte desta primeira lexislatura 71 deputados, entre eles o escritor e académico Carlos Casares. A piques de se cumpriren os 36 anos daquela data, a Cámara autonómica acolleu hoxe a presentación dun libro que recolle unha escolma das súas intervencións como parlamentario. Son en total oito discursos que constitúen "unha achega interesante á primeira fase do proceso de desenvolvemento da política lingüística na Galicia autónoma", salienta o académico Henrique Monteagudo, encargado da edición do volume publicado polo Parlamento.

Presentación do libro Carlos Casares no Parlamento de Galicia. Na mesa, pola esquerda, o ex-deputado Miguel Barros, o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, o fillo do escritor e membro da Fundación Carlos Casares Håkan Casares, e o académico e editor do libro, Henrique Monteagudo. Fonte: Parlamento de Galicia

 

Carlos Casares no Parlamento de Galicia foi presentado este mediodía no Hórreo nun acto no que o presidente da institución, Miguel Santalices, estivo acompañado polo presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e Henrique Monteagudo. "Para o Parlamento de Galicia é unha honra que a festa das letras deste ano teña como protagonista un ex-deputado autonómico, e desde a Cámara queremos sumarnos á celebración coa edición dunha recompilación das principais intervencións parlamentarias de Carlos Casares, as pronunciadas no Pleno", explica no prólogo Miguel Santalices.

As oito intervencións de Carlos Casares como deputado independente integrado no grupo parlamentario socialista producíronse entre xullo de 1982 e abril de 1985 e teñen que ver, entre outras cuestións, coa Lei de normalización lingüística aprobada en 1983.