O Museo de Arte Sacra de Lourenzá, primeira parada da exposición ‘Francisco Fernández del Riego. Cos ollos do seu espírito’

O Museo de Arte Sacra de Lourenzá, a vila natal do protagonista do Día das Letras Galegas 2023, é a primeira parada da exposición Francisco Fernández del Riego. Cos ollos do seu espírito, comisariada por Malores Villanueva e Malós Cabrera. Catorce paneis e mesas con material gráfico e documental do homenaxeado trazan un percorrido pola vida e a obra do intelectual impulsado pola Xunta de Galicia e producido pola editorial Galaxia coa colaboración da Real Academia Galega e da Fundación Penzol. 

O presidente da RAG intervén na inauguración da exposición

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, participou na inauguración da exposición xunto ao secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o conselleiro de Galaxia e director da Fundación Penzol, Xosé Manuel Soutullo; e a alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, entre outros representantes institucionais.

Tras Lourenzá, a mostra poderá verse en Vigo e Santiago de Compostela, localidades fundamentais tamén na vida de don Paco. O autor instalouse coa súa familia na capital galega no ano 1931, e nela converteuse nun destacado activista do galeguismo sendo aínda só un estudante universitario. Tras a guerra, fixou a súa residencia en Vigo, onde participou en pleno franquismo na creación da editorial Galaxia, empresa fundamental na reconstrución do galeguismo cultural. Nesta mesma cidade constituíuse en 1963, o mesmo ano en que se celebrou o primeiro Día das Letras Galegas a iniciativa do propio Del Riego, a Fundación Penzol, institución que o intelectual dirixiría durante catro décadas. Nela consérvase hoxe o seu arquivo persoal, ao que pertencen distintas pezas exhibidas na exposición.

Malós Cabrera, comisaria da exposición, guía a primeira visita á mostra
A exposición reúne material documental e gráfico xunto a catorce paneis