O presidente da Real Academia, Víctor F. Freixanes, acompañou o director xeral do Monbus Obradoiro, José Luis Mateo, e o adestrador, Moncho Fernández, na presentación da iniciativa, celebrada na biblioteca pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela, onde pode verse ata o 31 de maio a exposición Xela Arias. Asinamos ser libres. No acto tamén participaron Xulio Gil, en representación da familia de Xela Arias, a académica Marilar Aleixandre e o director da biblioteca, Jesús Torres Junquera.
"Dende o club quixemos conmemorar o Día das Letras Galegas deseñando unha camiseta de xogo moi especial", destacou José Luis Mateo. "Para nós, que estamos a orillas del Sar e que levamos o galego no noso nome e no noso corazón, vai ser unha honra levalo tamén na nosa pel. Vai ser unha honra homenaxear a todos aqueles que, ben coa súa creación ou coa súa defensa da lingua, fixeron tanto por ela. Agardo que esteamos á altura do acontecemento", expresou Moncho Fernández.
Víctor F. Freixanes agredeceu a iniciativa do equipo e comparou as semellanzas entre os desafíos dun equipo coma o Obra e a lingua galega, con "capacidade de competir contra grandes organizacións e en grandes ligas". "Somos a voz dunha sociedade que é capaz de crear e producir cultura, empresa e competir nos mercados internacionais. Dende a nosa propia humildade, que é a nosa grandeza. E iso é o que representa tamén esta iniciativa", valorou.
O Monbus Obradoiro vestirá a camiseta das Letras Galegas o vindeiro mércores, 19 de maio ante o UCAM de Murcia. As persoas interesadas en adquirila, poden reservarla ata o 24 de maio na tenda oficial do club.