O mestre 'rapeiro' das Letras Galegas

Letras Galegas 2016 / con Manuel María /queremos aprender! / Escritor comprometido / coa nosa Galiza / escoita o que cantamos / non teñas preguiza! Este pegadizo retrouso repítese no rap dedicado a Manuel María, composto polo mestre José Manuel López Cabana para introducir o alumnado de curta idade na vida e na obra do protagonista do 17 de maio. Os estudantes do seu centro, o CEIP Antonio Fernández López de Oural (Sarria), póñeno en escena nun vídeo que se pode ver en Youtube, concibido como recurso didáctico para compartir con toda a comunidade escolar galega.
José Manuel López Cabana e Noelia Sangil
José Manuel López Cabana e Noelia Sangil posan co alumnado que protagoniza a curtametraxe na que pode verse a posta en escena do rap dedicado a Manuel María e o traballo previo cos nenos e nenas


A boa acollida que está a ter non é algo novo para o autor, que explorou por primeira vez as posibilidades educativas do rap co gallo do Día das Letras Galegas de 2005, dedicado a Manuel Lorenzo Varela, no mesmo colexio no que ensina na actualidade. Un ano despois, desde CEIP Julio Gurriarán do Barco de Valdeorras, a mesma fórmula aplicada a Lugrís Freire reportoulle a José Manuel López Cabana un dos premios de innovación educativa da Xunta de Galicia pero, sobre todo, permitiulle corroborar que os ritmos e coreografías con atractivo para os nenos e nenas son boas ferramentas para espertar o interese por temas moi diversos, entre eles a literatura galega e os seus protagonistas.

"Na etapa de primaria o alumnado aínda é pequeno e hai que buscar recursos para chamar a súa atención. Se lles dás unha música que lles guste e lles preparas un baile, a partir de aí os nenos morden o anzol, xa están enganchados e podes traballar con eles temas que poden ser un pouco máis difíciles ca outros", explica o mestre, que tamén creou nos seguintes anos raps protagonizados por María Mariño e Xosé María Álvarez Blázquez, homenaxeados co Día das Letras Galegas en 2007 e 2008, respectivamente.

López Cabana salienta que o rap de Manuel María é parte dun traballo máis amplo do colexio de Sarria arredor do autor, que inclúe a creación dun libro interactivo multimedia ou recitados de poemas do escritor, que se poden ver na canle de Youtube do colexio. Neste mesmo medio tamén se comparte a curtametraxe que narra como os nenos e nenas de cuarto de primaria abordaron desde o principio o proceso de documentación, ensaio da posta en escena ou preparación dos decorados antes da interpretación final do tema. Na peza audiovisual quen guía o alumnado é Noelia Sangil, estudante de Maxisterio en prácticas no Antonio Fernández López. Once anos atrás, a futura mestra, aínda nena, aprendeu o rap de Lorenzo Varela na súa escola. "Cando chegou aquí a facer as prácticas, levamos os dous unha gran sorpresa. Sabía aínda de memoria a canción, chea de datos complicados!".

O mestre rapeiro emprega a mesma fórmula para divulgar outros contidos como os matemáticos. Hai anos compuxo unha "canción das multiplicacións", tamén premiada, para o seu alumnado de segundo de primaria. "Usábaa para repasar a lección, pero con moita festa", lembra. Hoxe no colexio da súa filla de sete anos a mestra emprégaa todos os días.

O rap de Manuel María pode verse tamén na sección de recursos na Rede de Primavera das Letras, o espazo web creado pola Real Academia Galega para fornecer a comunidade educativa de recursos didácticos arredor da celebración do Día das Letras Galegas.