Alumnado dos centros escolares que participaron no certame, no acto de entrega dos premios, celebrado no Museo do Pobo Galego. Fonte: Arraianos Producións
O concurso de podcast Xosé Mosquera foi promovido polo IES Rosalía de Castro e Arraianos Producións, co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a colaboración da Real Academia Galega, a Fundación Antonio Fraguas, a Radio Galega, o colectivo Ponte nas Ondas, a Fundación Rosalía de Castro e a Escola Superior de Arte e Deseño Mestre Mateo.
A entrega dos premios contou coa participación de Dolores Mosquera, filla de Xosé Mosquera, quen nos anos 30 do século pasado deu vida ao popular personaxe do Vello dos Contos. Mosquera era amigo persoal do protagonista do Día das Letras Galegas de 2019, Antonio Fraguas, con que compartiu experiencias de teatro radiofónico. Fraguas foi ademais quen inaugurou as emisións da radio decana do país, Radio Galicia, o 15 de xaneiro de 1933, cunha lectura de versos daquela inéditos de Bouza Brey.