Don Paco protagoniza o mural que loce neste novo espazo do instituto. A aula exterior Francisco Fernández del Riego inaugurouse o pasado 3 de novembro nun acto que contou coa participación do presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o académico Xesús Alonso Montero, o seu predecesor nun cargo que o propio Del Riego ocupou entre 1997 e 2001.
A aula exterior realizouse coa dotación do premio da Consellería de Educación á exposición de carteis sobre Fernández del Riego, un traballo dirixido polo profesor Ramón Nicolás, membro correspondente da Academia, quen tamén interveu no acto de homenaxe ao editor e escritor. Con este novo espazo Del Riego, natural de Lourenzá, fica permanentemente vinculado a este instituto da cidade que o acolleu tras a guerra civil.