O grupo de traballo Pensamento e Ensaio bota a andar cunha xornada sobre aldeas
A Real Academia Galega celebrará o xoves 4 de xullo no salón de actos da Fundación Luis Seoane (17:30 horas) a xornada As aldeas galegas: novas olladas. Conversas cruzadas, unha proposta, aberta a todo o público, do novo grupo de traballo Pensamento e Ensaio, constituído no seo da Sección de Literatura. O encontro permitirá compartir e reflexionar acerca de iniciativas que procuran un modo de vida sostible no rural en termos sociais, persoais e ambientais da man da veterinaria e escritora María Sánchez, o arqueólogo Alfredo González Ruibal, a bióloga e gandeira Ana Corredoira e o arquitecto Iago Lestegás. A tarde contará ademais coa música de Caamaño&Ameixeiras. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala. O programa poderá seguirse ademais en directo dende esta páxina web e a canle de Youtube da RAG.