O grupo de traballo Pensamento e Ensaio bota a andar cunha xornada sobre aldeas

A Real Academia Galega celebrará o xoves 4 de xullo no salón de actos da Fundación Luis Seoane (17:30 horas) a xornada As aldeas galegas: novas olladas. Conversas cruzadas, unha proposta, aberta a todo o público, do novo grupo de traballo Pensamento e Ensaio, constituído no seo da Sección de Literatura. O encontro permitirá compartir e reflexionar acerca de iniciativas que procuran un modo de vida sostible no rural en termos sociais, persoais e ambientais da man da veterinaria e escritora María Sánchez, o arqueólogo Alfredo González Ruibal, a bióloga e gandeira Ana Corredoira e o arquitecto Iago Lestegás. A tarde contará ademais coa música de Caamaño e Ameixeiras. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala. O programa poderá seguirse ademais en directo dende esta páxina web e a canle de Youtube da RAG.

A directora da Sección de Literatura, Marilar Aleixandre, presentará e moderará a sesión de presentación do grupo de traballo Pensamento e Ensaio, co que a RAG pretende «contribuír a elaborar discursos alternativos, contrahexemónicos, sobre Galicia, que poñan de relevo as potencialidades do país, as posibilidades de construír proxectos de vida superando os que contemplan Galicia unicamente como “zona de sacrificio” que ser explotada polo extrativismo, ou caracterizada de modo folclórico», explica a académica. Con esta folla de ruta, a memoria da terra, a relación entre o territorio e a paisaxe ou os desafíos da xestión dun territorio híbrido serán algúns dos temas que se aborden no encontro sobre a aldeas do vindeiro xoves.

María Sánchez, coñecida nas redes como María Mercromina, participará na xornada cunha intervención arredor da memoria da terra. A veterinaria e escritora foi recoñecida, entre outros galardóns, co Premio Princesa de Girona Artes e Letras 2021 polo seu labor como escritora e activista en defensa da cultural rural ou o Premio Nacional de Mocidade de Cultura do Instituto da Mocidade de España (INJUVE) por contribuír coa súa poesía a visibilizar de xeito innovador a necesidade de manter a vida no campo. Natural de Córdoba, na actualidade reside no Saviñao.

Ana Corredoira, natural e veciña de Palas de Rei, falará dende a súa experiencia da relación co territorio e a paisaxe. Bióloga de formación, é parte da segunda xeración á fronte da granxa ecolóxica A Cernada –que leva o nome da súa aldea– e socia da cooperativa As Vacas da Ulloa. É ademais activista da plataforma Ulloa Viva, colectivo veciñal en contra do proxecto de instalación dunha macrocelulosa na comarca.

A intervención do arqueólogo e etnoarqueólogo Alfredo González Ruibal centrarase no que pode contar a súa especialidade sobre a cultura campesiña. Membro do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), dedicou a súa tese ao desenvolvemento das comunidades da Idade de Ferro no noroeste da península Ibérica e investigou dende comunidades de cazadores-recolectores ata sociedades postindustriais en distintos países.

O lugués Iago Lestegás é arquitecto pola Universidade Politécnica de Madrid e doutor en Rexeneración Urbana e Desenvolvemento Económico pola Universidade Mediterránea de Reggio Calabria (Italia). Na súa intervención abordará os desafíos da xestión dun territorio híbrido.

A xornada organízase coa colaboración económica do Concello da Coruña e da Xunta de Galicia.