Escena do espectáculo Eurozone
O xurado do premio -integrado por Roberto Pascual, Gregoria Navarro, Itziar Pascual, José Manuel Sánchez Jiménez "Eusebio Calonge", Salvador Sunyer e Ramón Barea, e presidido por Montserrat Iglesias, directora do INAEM- salientou no seu ditame "a coherente traxectoria de creación colectiva baseada en fontes do teatro documento e na transgresión dos xéneros" do Grupo Chévere. Así mesmo, o xurado tamén subliñou "a súa vertente humorística e participativa, sempre conectada coa realidade social e económica, como testemuñan os seus últimos espectáculos Citizen, Eurozone e Ultranoite no País dos Ananos".
O Grupo Chévere, fundado en 1992 e composto por Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, Xesús Ron e Manuel Cortés, mantivo un espazo escénico fixo durante máis de vinte anos en Santiago de Compostela, a Sala Nasa, ata o seu peche no ano 2011, cando deciden trasladarse ao Concello de Teo. O seu rango de actividades abrangue tamén proxectos audiovisuais como a teleserie Pepe O Inglés e o filme Crebinsky, e o espazo virtual redenasa.tv no que informan sobre a súa programación e contidos.