O ciclo 'Momentos da cultura galega' celebrará o centenario de 'O Mariscal' en Cambados

A Sección de Historia afonda na historia da peza teatral sobre Pardo de Cela que escribiron Cabanillas e Vilar Ponte nun encontro este 15 de outubro que terá lugar no museo do vate cambadés

O ciclo Momentos da cultura galega da Real Academia Galega elixiu o centenario da publicación da obra teatral O Mariscal, escrita a catro mans por Antón Vilar Ponte (1881-1936) e Ramón Cabanillas (1876-1959), como eixe do seu encontro anual. A xornada, de entrada libre, terá lugar o xoves que vén, 15 de outubro, no Museo Ramón Cabanillas (Cambados) a partir das 16:30 horas. 

A Sección de Historia propón afondar na Galicia do primeiro terzo do século XX a través dun texto que contribuíu a consolidar a figura do mariscal Pardo de Cela (1425-1483) como un símbolo das liberdades galegas. A cita, coordinada polo director da Sección, Ramón Villares, celébrase coa colaboración da Deputación de Pontevedra e o Concello de Cambados.

Tras a inauguración de Momentos da cultura galega. O Mariscal, o académico Pegerto Saavedra trazará un retrato do nobre baseado nas fontes históricas. Distan estas dos ecos populares e literarios que alimentaron a súa mitificación xa desde pouco tempo despois de que fose decapitado pola súa oposición ao poder dos Reis Católicos.

O investigador viveirés Emilio Ínsua, especialista na figura de Vilar Ponte, exporá na seguinte intervención o contexto cultural da década de 1920 en que viu a luz O Mariscal. O profesor da Universidade da Coruña Antonio de Toro afondará pola súa banda na influencia do teatro irlandés no novo drama galego do primeiro terzo do século pasado; e a profesora de piano Nelly Iglesias Ríos participará cunha contribución sobre a adaptación operística da obra literararia que realizou o arquitecto coruñés Eduardo Rodríguez Losada (1886-1973), a quen lle dedicou a súa tese de doutoramento. A tarde concluirá cunha visita ao Museo de Cabanillas guiada polo académico Francisco Fernández Rei.