O Centro Dramático Galego producirá dúas obras de Roberto Vidal Bolaño

As obras escollidas, Días sen gloria e Touporroutou da lúa e do sol, serán representadas pola compañía pública de teatro galego ao longo do ano 2013, coincidindo co Día das Letras dedicado a Vidal Bolaño.
Imaxe de Roberto Vidal Bolaño
O dramaturgo Roberto Vidal Bolaño

Segundo o Conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez, o Centro Dramático Galego aspira a converterse no "catalizador das accións escénicas que acompañen a promoción da admirable figura e da magnífica obra de Roberto Vidal Bolaño". Deste xeito, o CDG representará, a partir de abril, a obra Días sen gloria e, na segunda metade do ano, a peza destinada ao público novo, Touporroutou da lúa e do sol.

A homenaxe do Centro Dramático Galego a Roberto Vidal Bolaño completarase con outras actividades como a proxección dun pequeno ciclo audiovisual con gravacións recollidas das obras do dramaturgo compostelán, lecturas de texto dramatizados, coloquios e un Premio Vidal Bolaño ao Espectador, co fin de estimular a participación do público.