Ana Seoane, directora do CEIP Milladoiro, posa co I Premio Na lingua que eu falo acompañada do presidente da RAG, Henrique Monteagudo, e da académica Fina Casalderrey.
Fonte: RAG
O alumnado de 6º interpretando do himno escolar 'Galicia Elemental'.
Fonte: RAG
O presidente da RAG, o alcalde de Malpica e a deputada de Lingua da Deputación da Coruña seguindo o acto.
Fonte: RAG
O alumnado de 5º foi o encargado de presentar unha escolma de proxectos desenvolvidos polos nenos e nenas dos distintos ciclos.
Fonte: RAG
O alumnado de 5º foi o encargado de presentar unha escolma de proxectos desenvolvidos polos nenos e nenas dos distintos ciclos.
Fonte: RAG
Pola esquerda, Noelia Freijeiro, Eduardo Parga, Ana Seoane, Henrique Monteagudo, Fina Casalderrey e Soledad Agra.
Fonte: RAG
A académica Fina Casalderrey, coordinadora do proxecto Primavera das Letras, conduciu o acto.
Fonte: RAG
Ana Seoane pronuncia as palabras de benvida.
Fonte: RAG
Fotograma do vídeo sobre o traballo do alumnado de infantil.
Fonte: RAG
O alumnado de 5º foi o encargado de presentar unha escolma de proxectos desenvolvidos polos nenos e nenas dos distintos ciclos.
Fonte: RAG
O alumnado de 5º foi o encargado de presentar unha escolma de proxectos desenvolvidos polos nenos e nenas dos distintos ciclos.
Fonte: RAG
Un momento da actuación musical do alumnado de 6º.
Fonte: RAG
O alumnado de 5º foi o encargado de presentar unha escolma de proxectos desenvolvidos polos nenos e nenas dos distintos ciclos.
Fonte: RAG
O Centro Cívico de Malpica acolleu a celebración.
Fonte: RAG
Intervención do alcalde de Malpica, Eduardo Parga.
Fonte: RAG
A deputada Marisol Agra intervén na entrega do premio patrocinado pola Deputación da Coruña.
Fonte: RAG
Un momento do discurso do presidente da Academia, Henrique Monteagudo, encargado de lle entregar o premio á directora do colexio.
Fonte: RAG
A directora do colexio saúda á comunidade educativa en nome da cal recolleu o galardón.
Fonte: RAG
Ana Cives pronunciando o seu discurso tras recoller o premio.
Fonte: RAG
Os representantes institucionais posan co alumnado e o público que asistiu ao acto.
Fonte: RAG
Fátima Romero Olveira, responsable do equipo de dinamización lingüística e da biblioteca do CEIP Milladoiro, con Ana Seoane e Fina Casalderrey.
Fonte: RAG
Foto de familia na biblioteca do colexio coa mascota da mesma e o premio.
Fonte: RAG
O Premio Na lingua que eu falo toma o seu nome dun dos poemas dos Cantares gallegos de Rosalía de Castro. A escolla resalta a importancia que lle concede á RAG á práctica oral cotiá do idioma entre a xente máis nova e a súa aposta por asociala ao ton vitalista destes versos (Que así mo pediron, / que así mo mandaron, / que cante e que cante / na lingua que eu falo).
Henrique Monteagudo destaca que con este recoñecemento a institución aplaude, en primeiro lugar, o labor do equipo docente, “que dá o mellor de si cada día para educar cidadáns e cidadás comprometidos cun mundo mellor, desde a renovación pedagóxica e en galego, transmitíndolle ao alumnado o afecto pola lingua, consciente da importancia do emotivo na consolidación de valores e prácticas”. “O CEIP Milladoiro demostra que é posible, necesario e desexable unha escola en galego. A súa experiencia é un excelente exemplo de como os centros educativos poden ser, no canto de axentes de desgaleguización, como ocorre en tantos casos, espazos de reforzo e de agarimo pola lingua, vinculándoa ademais á tamén necesaria renovación pedagóxica e á transmisión dos nosos valores como pobo e da nosa identidade, en consonancia co pensamento de Castelao que conmemoramos este ano”, engade o presidente da RAG.
“Educar en galego é unha expresión do noso compromiso coa cultura e coa sociedade que nos arrodean. É educar desde a raíz, transmitir valores e formar persoas conscientes da súa orixe e da súa capacidade para transformar o mundo desde o que son”, comparte a directora do CEIP Milladoiro, Ana Seoane Cives, que recolleu o galardón de mans do presidente. “En Malpica o galego é máis ca unha lingua: é un reflexo da nosa maneira de sentir, de vivir e de relacionarnos co mar, coa terra e coa xente. A lingua galega permítenos ademais conectar a realidade local coa global, comprender o noso lugar no mundo e participar del con voz propia. A través dela promovemos o pensamento crítico, o diálogo e o gozo compartido da cultura”, abunda a directora.
O I Premio Na lingua que eu falo é tamén para o alumnado e as súas familias, e mesmo dalgún xeito para “toda a comarca de Bergantiños, que coas mellores taxas de transmisión xeracional da lingua é igualmente un exemplo para toda Galicia”, engade Henrique Monteagudo. A Real Academia Galega instaurouno ao abeiro do seu proxecto web para o público infantil Primavera das Letras, que coordina a académica Fina Casalderrey e apoia a Deputación da Coruña. “Quixeramos que tomedes este recoñecemento coma unha sorte de medalla de ouro nunhas olimpíadas. O valor simbólico é inmenso”, díxolles aos nenos e nenas a escritora e mestra xubilada.
Fina Casalderrey conduciu o acto, que acolleu o Centro Cívico de Malpica, canda o alumnado de 5º curso, que foi presentando unha escolma de experiencias do colexio para “coidar e empregar” o galego todo o ano. Cun guión inzado de palabras do seu Dicionario malpicán como atalora, campal, che, meu ou becheche, a achega dos nenos e nenas tivo o seu apoxeo coa interpretación, por parte da rapazada de 6º, da canción Galicia Elemental, creada en comunidade no marco do proxecto documental integrado NÓS: patrimonio in-MATERIAL!
Na quenda de intervención institucionais, tamén interviñeron a deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Soledad Agra, e o alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga Veiga. Tras a entrega do galardón, a xornada festiva continuou cunha visita ao centro, onde se serviron uns petiscos preparados polo alumnado na aula de cociña.
Do ‘Dicholeo’, Radio Balea o ‘Galicómic’ ao xogo de mesa malpicán
As mestras e mestres do CEIP Milladoiro traballan para arrequentar un ambiente de aprendizaxe no que o alumnado desenvolva un pensamento crítico, empático e creativo. Neste marco pedagóxico, a identidade lingüística é un concepto e unha práctica transversal que guía, entre outras, propostas como a programación da emisora escolar, Radio Balea; o DichoLeo, centrada na alfabetización audiovisual e na que o alumnado grava pequenas pezas para detectar interferencias lingüísticas e ampliar o seu vocabulario galego; o Galicómic, a serie de banda deseñada na que protagoniza as súas propias páxinas; ou libros de produción propia como o devandito Dicionario malpicán ou o Dicionario mariñeiro, elaborados tamén dándolles protagonismo á rapazada e ás súas familias. Todas estas experiencias teñen ademais o atractivo dun marcado sentido lúdico, como E ti, de quen vés sendo?, o xogo de mesa con preguntas arredor de Malpica de Bergantiños, outro produto do proxecto NÓS: Patrimonio In-Material!
Primavera das Letras: historias divertidas e un filme cheo de maxia
Co Premio Na lingua que eu falo Primavera das Letras dá un paso máis na promoción do galego na infancia. O espazo da Real Academia Galega concibido para o público máis novo conta cun portal de seu, primaveradasletras.gal, onde ofrece cada ano actividades interactivas e unha historia arredor da figura á que lle dedica o Día das Letras Galegas. Neste 2025 dedicado ás cantareiras e á poesía popular oral, a escritora Paula Carballeira, gañadora do Premio Nacional de Literatura Dramática, agasallou os nenos e nenas coa obra teatral As Ferreñas (en vivo e en directo), un hilarante texto para ler ou levar á escena ilustrado por Nuria Díaz.
Baixo o paraugas de Primavera das Letras, A RAG produciu ademais a súa primeira curtametraxe de ficción, A orixe da nosa lingua guapa. A partir dunha idea orixinal de Fina Casalderrey, o filme cóntalles aos cativos e cativas como naceu o galego e o superpoder que teñen de lle dar mil primaveras máis falándoo. Os protagonistas son alumnos e alumnas do CPI Santa Lucía de Moraña e a profesora Fátima R. Ruibal, a mestra-meiga deste guión que asinou coa académica. Nós, en galego! A nosa lingua guapa!, o retrouso máxico da película, resoou de novo hoxe na festa campal malpicá da Academia.
























