O novo Boletín da Real Academia Galega, publicado co apoio da Deputación da Coruña, reúne unha mostra significativa da actividade intelectual da institución ao longo do ano 2025. No apartado dedicado ao pleno extraordinario celebrado en Malpica de Bergantiños poden lerse, xunto ás palabras coas que pechou o acto o presidente Henrique Monteagudo, as versións completas das alocucións sobre as cantareiras e a poesía popular oral da académica Ana Boullón e os académicos Antón Santamarina e Xesús Alonso Montero. O discurso do expresidente da RAG, titulado Substancia poética e relevancia artística no cancioneiro da tradición oral: discurso académico en defensa e ilustración da musa popular galega, é o derradeiro que pronunciou nun acto da Academia antes do seu pasamento o pasado mes de febreiro.
Xulia Feixoo, Sergio de la Ossa, Domingo Blanco, Manuel Rico Verea, Richi Casás, Isabel Vigo e Xabier Díaz afondan no mundo das cantareiras e da poesía popular oral no apartado dedicado ao Simposio das Letras Galegas 2025, que a Academia celebrou o pasado mes de novembro no Parador de Muxía.
José Carlos Sánchez Pardo, Anselmo López Carreira, Luís Domínguez Castro e Manuel Gago Mariño asinan noutro capítulo do volume os traballos que presentaron nas xornadas A invención da tradición. Organizadas pola Sección de Historia en Lugo e Vigo, abordaron os fenómenos das celebracións do Arde Lucus, a Festa da Istoria de Ribadavia, a Romaría Vikinga de Catoira e a festa da Reconquista.
Noutro bloque recóllense as contribucións que se expuxeron na Coruña no marco da xornada Achegas xurídicas a cuestións ambientais. O Grupo de traballo Pensamento e ensaio da Sección de Literatura contou neste encontro con Consuelo Castro Rey, Alba Nogueira López, Luís Villares Naveira e Beltrán Puentes Cociña.
A homenaxe da Real Academia Galega ao escritor Paco Martín en Lugo, no marco dos encontros Voces da narrativa que promove a Sección de Literatura, conta tamén cun apartado propio cos textos de Lois Pérez, Alejandro Tobar Salazar e o propio Paco Martín, así como a reprodución da conversa que mantivo neste marco o creador de Das cousas de Ramón Lamote con Isabel Soto.
Finalmente, no último bloque ofrécense a disertación pronunciada por Ángeles Tilve na xornada Momentos da cultura galega: Castelao en Buenos Aires dedicada a Castelao que acolleu o Museo de Pontevedra; e un estudo de Diego Rodríguez relacionado coa publicación de Rimas populares gallegas de Manuel Murguía.


