A gravación emprega como exemplo o fondo do Facho, doado pola propia asociación cultural en xaneiro de 2012 e que inclúe documentos como libros de actas de reunións da xunta directiva, fotografías e numerosos orixinais presentados ao concurso de contos infantís que mantivo durante anos O Facho, entre eles varios de María Victoria Moreno, a autora homenaxeada co Día das Letras Galegas 2018.
O Arquivo explica nun vídeo como se tratan os documentos
Os arquivos seguen a ser uns grandes descoñecidos para a maioría da xente, malia desempeñaren unha función de gran relevancia social. Neles gárdanse testemuñas da nosa historia ou as probas documentais da actividade da administración pública, das empresas, de todo tipo de entidades privadas ou de calquera persoa. Pero como se procede ao seu tratamento e rexistro? A Academia, co gallo da celebración, o 9 de xuño, do Día Internacional dos Arquivos, dálle resposta a esta pregunta nun vídeo no que amosa o percorrido que a documentación ten que facer desde que chega ao arquivo da institución ata que queda preparada para ser consultada polo público.