Letras galegas 2020

O Ano Ricardo Carballo Calero bota a andar

A comisión executiva da Real Academia Galega recibiu o pasado venres a María Victoria Carballo Calero, filla do protagonista do vindeiro Día das Letras Galegas, na sede da institución. Na xuntanza que mantiveron repasaron o calendario de actos e iniciativas previstas ao longo de 2020 para divulgar o legado de Ricardo Carballo Calero, un dos intelectuais máis destacados da Galicia do século XX.

María Victoria Carballo Calero foi recibida pola comisión executiva da Academia
María Victoria Carballo Calero foi recibida pola comisión executiva da Academia

María Victoria Carballo Calero foi recibida na rúa Tabernas da Coruña polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; o secretario e o vicesecretario, Henrique Monteagudo e Andrés Torres Queiruga; a tesoureira, Marilar Aleixandre; e a arquiveira-bibliotecaria, Fina Casalderrey.

A xuntanza serviu para profundar nalgunhas das iniciativas que a propia RAG promoverá este ano e outras impulsadas por diversos axentes sociais nas que tamén participará. Entrementres, o Ano Carballo Calero arrincou na web da Academia, onde xa se pode ler o artigo no que Víctor F. Freixanes presenta a celebración e onde esta mesma semana se activará un novo espazo dedicado ao homenaxeado.

En febreiro, a Real Academia Galega presentará a nova edición da Primavera das Letras, que se centrará en achegar ao público infantil a figura e a obra de don Ricardo. Xa en maio, está previsto que o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas teña lugar en Ferrol, a localidade onde naceu Carballo Calero no ano 1910; e á volta do verán a RAG celebrará un simposio que afondará dende a perspectiva académica en distintas cuestións relacionadas coa vida e a obra de Ricardo Carballo Calero.

María Victoria Carballo Calero, no centro da imaxe, acompañada pola comisión executiva da RAG
María Victoria Carballo Calero, no centro da imaxe, acompañada pola comisión executiva da RAG