O presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, recibiu esta mañá un grupo de estudantes do Centro de Estudos Galegos da Universität zu Kiel. Tras as palabras de benvida e unha presentación da institución por parte do seu máximo responsable, o alumnado coñeceu diversos proxectos da RAG da man de persoal técnico, desde o Dicionario e os labores centrados na toponimia ata os estudos sociolingüísticos.
Os estudantes están estes días de visita en Galicia acompañados polo director e o coordinador do CEG da universidade alemá, Elmar Eggert e Facundo Reyna, e o lector do CEG, Daniel de Toro. O profesor Eggert salientou o interese que ten coñecer a Academia e outros axentes implicados no estudo e na defensa do galego de cara a aplicar un enfoque comparativo que poida enriquecer proxectos de plurilingüismo rexional para o fomento de linguas minorizadas en Alemaña como o Plattdeutsch.
A xuntanza celebrouse na Biblioteca de Galicia, que acolle nas súas instalacións os seminarios de Lexicografía, Sociolingüística e Onomástica.


