O académico Henrique Monteagudo, director da Cátedra Castelao creada no seo da USC

A Universidade de Santiago de Compostela presentou este martes a Cátedra Institucional Castelao, creada co obxectivo de promover e difundir cara ao futuro a vida e a obra do autor rianxeiro e a lingua e a cultura galegas. O académico Henrique Monteagudo, catedrático de Filoloxía Galega, é o director desta iniciativa que promoverá –salientou–  colaboracións con outras institucións culturais, como a propia Real Academia Galega –da que Castelao foi membro–, o Museo de Pontevedra ou as fundacións Castelao e Penzol.

A Cátedra Castelao súmase ás dedicadas a Rosalía de Castro, Otero Pedrayo e Carballo Calero. Con ela a USC salda unha débeda que tiña pendente, expresou o reitor, Antonio López.

A Facultade de Filoloxía da USC acollerá ata o 15 de xaneiro a primeira exposición organizada pola cátedra, Castelao, de Sempre en Galiza ao Consello de Galiza (1934-1944).

Pola esquerda, Elías Feijó, decano da Facultade de Filoloxía da USC; Elsa González, vicedecana; Antonio López, reitor da USC; o académico Henrique Monteagudo e Valentín García, secretario xeral da Lingua. Fonte: USC