No setenta aniversario do 'Sempre en Galiza'

O pasado venres 30 de maio, tivo lugar unha homenaxe a Castelao no Centro Galego de Bos Aires con motivo do 70º aniversario da publicación do Sempre en Galiza, que contou coa colaboración da Academia.
Henrique Monteagudo
Henrique Monteagudo


O acto, organizado polo Centro Galego de Bos Aires, o Instituto Argentino de Cultura Galega e a Real Academia Galega, contou coa intervención do secretario da Academia, Henrique Monteagudo, que reproducimos a continuación de xeito íntegro.

O 10 de marzo de 1944 saía do prelo en Buenos Aires o volume Sempre en Galiza, publicado polo Centro Ourensán baixo o selo da súa casa editorial, "As Burgas". O libro foi presentado publicamente un mes máis tarde, o dous de abril, na sede do propio Centro Ourensán e ao comezos do inverno austral, o dous de xullo, celebrouse un impresionante banquete de homenaxe ao seu autor nos salóns do céntrico hotel Prince George's Hall, ao que acudiron, segundo as crónicas da época, máis de dous mil comensais, entre os que se atopaba unha nutrida representación das asociacións galegas de Arxentina, Uruguay e toda América, ademais de persoeiros representativos do exilio republicano, nomeadamente, dos nacionalistas vascos e cataláns.

Desde a súa publicación ata os nosos días, Sempre en Galiza foi considerada unha obra de referencia fundamental do galeguismo democrático (ata ser incluso considerada unha especie de Biblia do nacionalismo galego), e actualmente considérase o libro máis significativo da cultura galega do século XX. O vindeiro dous de xullo, o Parlamento de Galicia, o Consello da Cultura Galega e a Fundación Castelao van organizar un acto conmemorativo en Santiago de Compostela, mentres que a Real Academia Galega anunciou xa a primeiros de ano a organización dunha serie de actividades arredor de Castelao polo oitenta aniversario da súa recepción como académico de número (o vintecinco de xullo de 1934), o setenta aniversario de Sempre en Galiza e o cincuentenario da dedicación á súa figura do Día das Letras Galegas (1964).

Pero se hai un lugar onde esa celebración cobre un pleno sentido, tanto histórico coma sentimental, ese é a cidade de Buenos Aires, onde residiu os dez últimos anos da súa vida, ata o seu pasamento (1950), coa excecpión do tempo que botou en París cando foi designado ministro do goberno republicano no exilio (1946-47). E que local desta cidade sería máis axeitado para tal conmemoración que o Teatro Castelao, do Centro Galego, onde hoxe nos atopamos? Déixenme, por tanto, comezar por expresar o meu agradecemento á directiva deste Centro pola feliz iniciativa de organizar esta actividade e a miña emoción por ser eu a persoa encargada de representar nela a Real Academia Galega, institución que se adhire a esta iniciativa cun entusiasmo sen reservas. Ademais de prestar os servizos sanitarios que vén prestando desde a súa creación, con actividades coma a presente, ou a celebrada o pasado 19 de maio para conmemorar o Día das Letras Galegas, o Centro Galego afirmma o seu papel de axente cultural da maior importancia dentro da colectividade galega, un papel que non pode abandonar pois forma parte sustancial da súa propia natureza como entidade asociativa. Permítanme personalizar a miña gratitude no sr. Carlos La Blunda, interventor do Centro, a sra. Stalla Maris Gómez Luna, os encargados do Gabinete de Comunicación do Centro, Víctor Regueira e María Figueroa, que correron coa organización da homenaxe, e mais Facundo Reyna Muniain, pois sen a súa colaboración a miña presenza aquí non tería sido posible.

Pero que é Sempre en Galiza? Esta obra constitúe unha colección de escritos de Castelao, redactados entre 1935 e 1943, algúns deles impresos en distintas publicacións con anterioridade á edición do libro. A obra está dividida en tres partes, que o autor denominou ‘libros', precedidas dunha introdución, que o autor chamou ‘Adro'. Cada libro contén un número variado de capítulos. Trátase, segundo as palabras do propio Castelao, de "un feixe de discursos". A obra presenta os textos en orde cronolóxica: o Adro recolle os máis antigos (1935), o Libro I os seguintes (1937-38), o Libro II escribiuse despois (1939-40) e o Libro III foi o último en tomar forma (1942-43). Cada unha desas partes foi redactada en lugares diferentes, pero todas fóra de Galicia: o Adro foi escrito en Estremadura (Badaxoz), o Libro I en Valencia e Barcelona, o Libro II en Nova York e o Libro III en Buenos Aires. De aí, nun aparente paradoxo no exento de amarga ironía, o título da obra: Sempre en Galiza.

A introdución ou Adro recolle unha serie de 14 artigos, datados en abril-outubro de 1935. Neses meses, Castelao estaba cumprindo unha condena ao desterro, en Estremadura (Badaxoz) que lle impuxera, de xeito completamente arbitrario, o goberno dereitista de Alejandro Lerroux, cando en outubro de 1934 deciciu suspender, nunha decisión arbitraria, as actividades do Partido Galeguista. Os artigos do Adro apareceron publicados baixo o título "Verbas de chumbo" no xornal A Nosa Terra, voceiro do Partido Galeguista. Neses artigos, Castelao defende con firmeza a liña de colaboración do Partido Galeguista coas esquerdas republicanas, que remataría coa súa integración no Frente Popular que gañou as eleccións xerais de febreiro de 1936. Os artigos do Adro son, probablemente, os máis traballados desde o punto de vista formal dentro do conxunto de Sempre en Galiza. Neles, a luída prosa do autor escintila cunha calidade de expresión, unha elegancia de estilo e unha beleza plástica incomparables. Constitúen auténticas pezas mestras da prosa de ideas, do ensaísmo galego.

O Libro I de Sempre en Galiza está composto por vinte e dous capítulos. Todos eles foron escritos en Valencia e Barcelona en 1937, en plena Guerra civil española, e publicados como serie de artigos no xornal Nueva Galicia, novamente baixo o título xenérico de Verbas de chumbo; parte deles tamén apareceron na revista Nova Galiza, editada en Barcelona. Castelao salvara a súa vida porque cando se produciu o Alzamento fascista do 18 de xullo de 1936 se atopaba en Madrid, formando parte dunha delegación de deputados e autoridades galegas que foran presentar o Estatuto de Galicia, aprobado nun plebiscito popular vinte días antes ao Presidente das Cortes para a súa tramitación parlamentaria. Nestes artigos, Castelao diríxese aos galegos antifascistas que resisten e combaten en defensa da República, explicando a significación do Estatuto de Galicia e a importancia de que os dereitos que lle corresponden a Galicia como nación que reclama o seu pleno recoñecemento e o seu correspondente dereito ao autogoberno.

Os devanditos textos estaban destinados a formar un libro que se titularía Verbas de chumbo, e que Castelao esperaba publicar no mesmo ano de 1938, pero este proxecto non chegou a realizarse, pois a mediados de ano, o goberno da República enviou o noso autor a América en misión de propaganda, para recadar apoios a República. Nestas latitudes estaba a producirse unha intensa mobilización en defensa da democracia en España, na cal salientaba o protagonismo das nutridas colectividades de emigrantes galegos. Foi por esa razón que o goberno republicano escolleu precisamente a Castelao para a dita misión. De feito, xa en 1937, este estivera a piques de ser designado embaixador da República española en Arxentina.

Cando Castelao foi enviado a América, en xullo de 1938, o designio inicial era que centrase os seus esforzos en Arxentina, e a partir de aquí realizase xiras de propaganda por Cuba e os Estados Unidos; pero finalmente, o intelectual e dirixente galeguista comezou a súa viaxe nos Estados Unidos. De alí viaxou a Cuba, e ao regreso de Cuba a Nova York, en marzo/ abril de 1939, chegáronlle as novas da derrota final da República. A partir dese momento, concentrou os seus esforzos na recadación de fondos para rescatar e auxiliar os refuxiados republicanos, que fuxían por centos de milleiros da represión franquista. O Libro II de Sempre en Galiza foi escrito nese tempo -sobre todo, a partir do verán de 1939-, mentres Castelao esperaba angustiosamente que as autoridades arxentinas lle concedesen a autorización para entrar no país.

Nos últimos meses de 1939 e primeiros de 1940, un Castelao abatido pola derrota da democracia, o asasinato e prisión de moitos dos seus compañeiros galeguistas e republicanos, padecendo unhas durísimas condicións de vida en Nova York, obsesiónase coa idea de vir a Arxentina e instalarse neste país. De feito, naquelas durísimas condicións, só o mantén en pé o alento que lle dan os seus amigos residentes en Bos Aires, sobre todo o galeguista Rodolfo Prada, e a esperanza de que algún día poderá saír de Norteamérica para residir en Buenos Aires. Así, escríbelle ao citado Rodolfo Prada:

Pode vostede decatarse do meu desgaste nervioso (xa manifestado en insomnios que nunca sofrín e que agora me fan pasar as noites en vela) ao pensar que decorren meses e meses sen chegar un permiso que eu espero día por día e hora por hora, axexando a entrada do carteiro n-esta casa, sempre con ilusión, que axiña se troca en desesperanza (carta a Rodolfo Prada, 26 de marzo de 1940).

Por fin, a mediados de abril de 1940, chegou a nova tan agardada, que recibe como unha liberación: "Que ledicia nos causou o seu cablegrama! Axiña de lêlo, sen falar, a miña muller e mais eu comezamos a bicarnos coma tolos" (carta a Rodolfo Prada, 17 de abril, 1940). Dera en idealizar de tal xeito Bos Aires, que acabara por considerar preferible chegar alí que entrar na propia Galicia:

Penso en Bos Aires e síntome invadido por máis ledicia que cando penso no retorno a Galiza. O retorno â patria será triste i eu coido que somentes irei, vivo ou morto, â Galiza se é que vou aí (carta a Rodolfo Prada, 23 de febreiro, 1940). Dígolle que vou máis ledo a Bos Aires do que iría a Galiza, pois n-unha Galiza ideal eu serei home, pero na Galiza real non sei se soportaría a door de non atopar en ningún camiño aos irmáns de tod-a miña vida (carta a Rodolfo Prada, 19 de xuño de 1940).

É así que Castelao comeza a desenvolver a idea da ‘Galicia ideal', que xa non é a Galicia xeográfica localizada no recanto noroeste da Península ibérica, senón que inclúe os galegos espallados polas Américas. A Galicia ideal que Castelao comeza a imaxinar e pola que suspira acolle as xentes galegas emigradas e exiladas, é un comunidade dispersa. Unha comunidade definida pola terra de orixe, non polos marcos territoriais desta: Galicia xa non responde un territorio material e concreto, senón que se torna unha noción sentimental, política e cultural. Un ideal.

Nas condicións descritas de derrota, penuria, amargura e angustia, redacta o noso autor o Libro II de Sempre en Galiza. A pretensión teórica coa que emprende a obra era defender o federalismo como solución aos problemas nacionais dos pobos de España: segundo Castelao, o estado español debía estruturarse segundo un modelo federal, inspirado polo principio das nacionalidades. Pero, por outra parte, nese segundo libro de Sempre en Galiza, o autor destila tamén a súa frustración e debulla serios reproches aos republicanos españois, por teren abdicado dun federalismo que abrazaran desde as súas orixes. Castelao defende que se a II República Española se tivese organizado de xeito federal, a guerra civil non tería acontecido.

Por fin, en xullo de 1940, Castelao ve cumprido o seu anceio e desembarca en Bos Aires. Os seus primeiros tempos na capital porteña son un continuo atafego de actos de homenaxe. Aquí, lanza a idea da creación dunha Irmandade Galega e emprende un intenso labor cultural, arroupado por un entusiasta grupo de galeguistas porteños, con Rodolfo Prada sempre ao seu carón, e con apoios tan importantes como o do empresario Manuel Puente. Ao mesmo tempo, desenvolve unha política de colaboración cos republicanos españois exilados (con moitas tirapuxas e altibaixos) e, sobre todo, cos nacionalistas vascos e cataláns, que se plasma na creación dun organismo denominado Galeusca, no que están representados os tres movementos nacionalistas.

Como resultado dun intensísimo labor como conferencista e articulista, incluíndo frecuentes colaboracións radiofónicas e a estrea da súa obra teatral Os vellos non deben de namorarse (14 de agosto de 1941 no Teatro Mayo, e que sería despois representada no Teatro Solís de Montevideo), ao longo de 1942 o noso autor vai dando corpo a un novo libro, que será o terceiro de Sempre en Galiza. Segundo Paz-Andrade, moitas páxinas deste libro foron escritas precisamente na Biblioteca deste Centro Galego, a tres pasos do lugar onde estamos celebrado este acto. Trátase dun libro con pretensións doutrinais, no que volve ilustrar o carácter nacional de Galicia, e propón unha nova visión de Hespaña (nome que el escribe con "H", explicando que quere mollar ese nome, para distinguilo da seca España do centralismo). Animado polos seus compañeiros da Irmandade Galeguista, pensa en xuntar o seu libro Verbas de Chumbo escrito en 1937, os seus textos redactados en Nova York en 1939-40, e os que fora labrando en Bos Aires ao longo de 1942, xúntaos e ponlles un título moi significativo: Co pensamento en Galiza. Ao revisar a obra, decide colocarlle como prólogo a primeira serie de Verbas de chumbo, escrita en 1935, como xa dixemos, e cambiarlle o título á obra, e así quedará definitivamente bautizada como Sempre en Galiza. El mesmo explica ao comezo do libro:

"Os tres feixes de discursos que se axuntan neste volume –reflexos dun mesmo ideal- foron escritos no desterro, para escorrentar a morriña, e responden a situacións diferentes… Cavilando no limiar que debía compor para encabezalos opino que poden valer os pequenos artigos que escrebín en Badaxoz (1935), cando Lerroux tivo a ben ordenar que me preparase para maiores ausencias"

No discurso de homenaxe pola publicación do libro, celebrado, como antes lembramos, o dous de xullo de 1944 no Prince George's Hall, Castelao pronunciou un memorable discurso onde ofrece un xuízo persoal sobre a súa propia traxectoria:

"Levo catro anos convivindo convosco e sabedes que non gosto de hipocresías nin de vaidades e que, xa que logo, podo permitirme o luxo de formular perante vós un xuizo sobre a miña obra e sobre min mesmo. Alá polo ano '18 dei a coñecer o meu álbum Nós, no que plasmaba as dores do pobo galego e as súas arelas de xustiza e liberdade, e ó veren que os meus debuxos abalaban o corazón das xentes máis e mellor que os versos e a prosa, daquela os caciques e os seus servidores acusáronme de literato (…) para desvalorizar a miña arte e por ende os meus sentimentos.

E despois de trinta anos, trinta anos de meditación e de experiencia, atrevinme a publicar un libro no que trato de elevar a categoría de idea o que no álbum Nós era puro sentimento, e ó veren que as miñas razóns abalan a conciencia galega, daquela exáltase a miña personalidade artística, esaxerándoa, co piadoso fin de desvalorizar a miña ideoloxía política. Claro está que eu non fun nunca un político profesional. A política non foi nunca a miña profesión, pero si a miña vocación, a vocación de toda a miña vida. Comparade o sentimento galego dos meus primeiros debuxos coa idea galeguista do meu recente libro e veredes que son unha mesma cousa, e veredes que eu souben conservarme idéntico a min mesmo e que a miña vida moral e política é unha liña recta como a franxa azul da nosa bandeira. Eu non cultivo xamais a arte pola arte. A arte para min non foi máis ca un elemento, un recurso, un medio de expresión, e co lapis ou a pluma só quixen ser un intérprete fiel do meu pobo, das súas dores e das súas esperanzas.

Debuxei sempre en galego, escribín sempre en galego e se tirades o que hai de galego e de humano na miña obra, non restaría nada dela".

Seguindo a síntese da obra que el mesmo ofrece nese discurso, Sempre en Galiza xira arredor da idea de Galicia como patria natural, "cunha verdadeira e auténtica personalidade iniciada nos albores da historia e mantida a través de moitos séculos adversos", con lingua, territorio, morfoloxía social e económica e cultura propias e cun xenio orixinal caracterizado pola tolerancia, a crítica, o humor, o trasacordo, o lirismo e a saudade. Distinguindo o carácter natural e permanente da nacionalidade do carácter artificial do Estado como organización pasaxeira e mudable, Castelao reclámase galego por natureza e afirma a súa disposición a recoñecerse como español sempre que sexa por propia vontade, non pola forza; xa que logo, rexeita o separatismo, que só concibe como actitude de digna reacción fronte ao centralismo.

Sempre en Galiza foi interpretado como o testamento político non só de Castelao, senón de toda a súa xeración, a renovadora da cultura galega, modernizadora do idioma e creadora do galeguismo democrático: a da revista Nós, do Seminario de Estudos Galegos, do Partido Galeguista e do Estatuto de Autonomía. A obra, que pasou a ser coñecido como Biblia da galeguidade, obtivo unha acollida tan afervoada nos ambientes galeguistas da emigración americana e da resistencia democrática en Galicia –a pesar de que tiña que ser introducido e circular en Galicia de xeito clandestino- que axiña houbo que facer unha segunda edición, imprentada novamente en Bos Aires en 1961, e á que se engadiron uns capítulos que Castelao deixara preparados para un segundo volume. Estes foron incorporados como Libro IV, un libro que comeza co discurso máis fermoso e vibrante xamais pronunciado en idioma galego, Alba de Groria, que Castelao leu na súa última intervención pública en Bos Aires, que tivo lugar no Teatro Argentino o 25 de xullo, día de Galicia, de 1948.

Ao acoller a Castelao nos últimos anos da súa vida, que como todos sabemos rematou nun cuarto do Sanatorio deste mesmo Centro Galego, ao facer posible a edición de Sempre en Galiza mentres en Galicia campaba a barbarie que condenaba o pobo galego á miseria e afogaba a súa lingua, a súa cultura e as arelas democráticas do pobo, Bos Aires converteuse na década dos '40 na capital non só cultural senón simbólica do país, daquela ‘Galicia ideal' que o noso autor enxergou no seu exilio, e da que formamos igualmente parte os galegos e galegas que residimos na terra de orixe e os galegos e galegas que viven, traballan e soñan polo mundo adiante e moi particularmente, os que conservan a saudade e o alento da patria nesta Galicia Austral. Este foi o legado que nos deixou o inmortal Castelao, a quen hoxe nos honramos, no e co Centro Galego que lle ofreceu o leito de morte, en conmemorar.

Coral intepretando o Himno de Galicia
Ao remate do acto, unha coral interpretou o Himno de Galicia