Necrolóxica de Castelao por Paz Andrade

O 14 de xaneiro de 1950, sete días despois do pasamento de Castelao, Valentín Paz Andrade dedicoulle unha necrolóxica no suplemento do sábado do xornal santiagués La Noche.
Castelao e Paz Andrade
Imaxe de Castelao e Paz Andrade tirada de Castelao na luz e na sombra.


A extensa relación de amizade entre o político rianxeiro e o intelectual pontevedrés comezara en 1916 e prolongouse ata a morte de Castelao en Buenos Aires, o 7 de xaneiro de 1950. Xusto unha semana despois, o 14 de xaneiro do mesmo ano, Paz Andrade publicaba no "Suplemento de Letras" do xornal vespertino La Noche, un longo panexírico en homenaxe ao seu amigo que reproducimos aquí.

No seu artigo titulado "Castelao, el hombre y el artista", que sería incorporado máis tarde a Castelao na luz e na sombra, Paz Andrade fixo unha fervorosa gabanza do amigo finado que excedía os límites impostos pola censura da época sobre o rianxeiro. Para Paz Andrade, Castelao non foi unicamente un artista, foi tamén un home que traballou arreo "por el bien de los demás, por la suerte de su pueblo, por la ascensión del espiritu".

Malia un editorial titulado "Ancha es España", incluído no mesmo número pola dirección do xornal coa intención, probablemente, de compensar o excesivo encomio de Castelao feito por Paz Andrade, o suplemento cultural de La Noche sería pechado pola censura dous números máis tarde, o 31 de xaneiro de 1950.