O alcalde, José Luis Gómez Fontenla, presentará o encontro xunto á concelleira de Cultura, Andrea Domínguez Búa. A edil, profesora do CPI Santa Lucía, e o tamén docente do centro Daniel Fernández López foron quen contactaron coa RAG a comezos de ano interesándose pola participación de Moraña en Toponimízate, tras comprobar a boa acollida desta proposta noutros centros de ensino. A charla é ben acaída neste concello, pois ten case toda a microtoponimia sen recoller. Só está rexistrada a da parroquia de Saiáns, grazas ao traballo de fin de grao do filólogo Xoán Gorís. Este profesor de lingua e literatura galega morañés tamén se ofreceu a colaborar co centro de ensino e co Concello na recolleita da microtoponimia do resto das parroquias.
Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico do Seminario de Onomástica da RAG e do proxecto Galicia Nomeada, centrará boa parte do relatorio que impartirá en explicar as principais funcionalidades de Galicia Nomeada, tanto na súa versión de escritorio coma na de dispositivos móbiles. As persoas asistentes aprenderán así a incluír un novo topónimo, engadirlle a categoría, a descrición, un arquivo de son ou imaxes, enviar suxestións sobre topónimos xa existentes no visor etc.
Na parte final da sesión explicarase de forma divulgativa a orixe e significado do nome do concello, das diferentes parroquias e das aldeas polas que pregunte o público. Repasaranse tamén algúns dos novos ditames que inclúe o Nomenclátor de Galicia 2026, que atinxen as parroquias e entidades de poboación morañesas. As freguesías de Amil, Lamas e Saiáns pasaron a denominarse A Amil, Santa Cruz de Lamas e Saiáns ou A Choza despois da análise da documentación histórica e de fontes orais que realizou o equipo técnico do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega.
Poio, seguinte parada de 'Toponimízate'
Tras Moraña, Poio será o seguinte concello que visitará a Toponimízate. A charla, que será o vindeiro sábado 9 de maio a partir das 11:00 horas na Escola do Campo de Combarro, está incluída nos diferentes actos que programa o Concello no Día de Colón durante esa fin de semana.



