Baixo o título María Victoria Moreno. Homenaxe. Palabra fértil no tempo, o número 38 dos Cadernos Ramón Piñeiro profunda en diversos aspectos da obra de María Victoria Moreno, mais tamén na súa vida persoal e noutras facetas a prol da cultura galega nas que tamén se implicou, desde a súa profesión docente ata o labor de editora. Xesús Alonso Montero e Fina Casalderrey asinan dos dous tres artigos de perfil biográfico nun apartado que recolle tamén un artigo asinado por Xavier Senín e Isabel Soto. O expresidente da Academia lembra a amizade que o uniu á escritora, a quen coñeceu en 1965 cando foron compañeiros como docentes do Instituto Masculino de Lugo, e Fina Casalderrey mestura tamén lembranzas do tempo compartido cunha análise de parte da súa obra e doutros xeitos de manifestar o seu compromiso coa cultura e a lingua galegas.
Marilar Aleixandre participa no volume cun traballo sobre as mestras na literatura de María Victoria Moreno, cuxa primeira novela, Onde o aire non era brisa, xa ten como protagonista unha docente e constitúe un fiel retrato das escolas rurais dos anos 60 e "un canto ao papel das mestras en difíciles circunstancias". A académica atribúelle ao cariño que sentía a autora por elas raíces autobiográficas, xa que a súa propia nai era docente.
O monográfico conta tamén con artigos de Blanca-Ana Roig, Eulalia Agrelo, Luís Alonso Girgado, Luís Cochón, María Jesús Fernández, Mar Fernández Vázquez, Carmen Ferreira, Moncha Fuentes, Antonio García Teijeiro, Ánxela Gracián, Eva Mejuto, Isabel Mociño González, Marta Neira, David Otero, Verónica Pousada Pardo, Xesús Rábade Paredes e Manuel Uhía. A maiores, Belén Bouzas Gorgal publica unha bibliografía cronolóxica con todas as obras de María Victoria Moreno e un segundo bloque con publicacións sobre ela. O volume enriqueceuse coas fotografías cedidas pola familia da autora e mais as ilustracións do Grupo Liter21, coordinado por Carmen Franco Vázquez.