O proxecto da RAG e do Concello de Ames ‘Modo galego, actívao!’ reforza o seu carácter integral e incorpora as escolas deportivas

 O CEP de Ventín acolleu hoxe a presentación da cuarta edición de Modo Galego, actívao!, o proxecto de investigación-acción da Real Academia Galega e o Concello de Ames que explora novos xeitos de promover o uso do galego entre a xente nova e avaliar os resultados. A experiencia desenvólvese desde 2023 coa implicación do alumnado dos colexios públicos, as familias, o profesorado e persoal dos servizos complementarios de educación amesáns, e constitúe unha aposta singular no eido da dinamización lingüística de carácter integral que se aplica tanto nos espazos escolares coma noutros contextos de socialización dos nenos e nenas nos que está implicada a administración local. Seguindo esta filosofía, a incorporación das escolas deportivas de xestión municipal é unha das novidades da xeira que arrincará o luns que vén coa sinatura por parte duns 2.700 alumnos e alumnas do “Acordo de compromiso lingüístico” que negocien nas súas aulas.

1/5

As familias, os preto de 300 docentes de infantil á ESO chamados a participar no programa e os arredor de 200 profesionais da educación non formal son tamén protagonistas dunha experiencia na que a súa implicación é clave para que os nenos e nenas leven adiante unha serie de retos. Estas propostas deseñáronse co propósito de crear espazos estimulantes para que falen galego, ofrecerlles referentes e vincular a lingua a experiencias positivas e de carácter lúdico que promovan o cambio das actitudes lingüísticas.

En infantil e primaria cada día os cativos e cativas coñecerán un novo reto que deberán cumprir nas vindeiras 24 horas, e que lles permitirá ir cubrindo con adhesivos un divertido mapa animado das parroquias de Ames. En secundaria os retos serán semanais e convidarán a mocidade a descubrir contidos en galego que conectan cos seus intereses.

Investigación, avaliación, continuidade e colaboración institucional
“Modo galego, actívao! ten varios esteos que lle outorgan un alto valor engadido no campo da normalización lingüística. Un deles é a combinación das accións de dinamización coa investigación. O programa deseñouse partindo do traballo previo de elaboración do Mapa sociolingüístico escolar de Ames, co que arrincou en 2018 a colaboración da RAG e o Concello de Ames, e o noso Seminario de Sociolingüística avalía ademais os resultados de cada edición”, explica o presidente da Real Academia Galega. “Outro punto forte é o seu carácter transversal. A implicación a un tempo de todos os centros públicos e de distintos espazos de xogo, aprendizaxe e coidado contribúe a que se xere un clima amigable, dentro e fóra dos recintos escolares, para que os nenos e nenas galegofalantes se sintan recoñecidos e os que non o son rachen os prexuízos e o costume, animándose a romper a falar no idioma do país”, expón Henrique Monteagudo.

Outro factor fundamental é a continuidade do proxecto, engade a coordinadora do Seminario de Sociolingüística. “Se procuramos un impacto perdurable e visible a medio prazo, manter as experiencias no tempo é fundamental, e nese sentido o Concello de Ames é pioneiro, tanto polo interese que amosou na posta en marcha deste proxecto como en lle dar continuidade”, valora a académica María López-Sández. “Modo Galego é ademais un espello no que se mirar para as administracións locais en materia de normalización lingüística para abriren novas vías de acción nas que o seu carácter de proximidade é sen dúbida un punto forte”, engade.

A RAG e o Concello de Ames confían en que a experiencia non tarde moito en imitarse noutros municipios do país. “Trátase dun modelo de éxito, replicable e exportable, marca Ames, que agardamos poida ser asumido polo maior número posible de concellos”, expresa o rexedor Blas García, responsable da Área de Normalización municipal. Son xa varios os que amosaron o seu interese en facelo, e a Academia e a asociación de entidades locais Alingua asinaron recentemente un protocolo de colaboración para explorar a súa reprodución, empezando pola confección dos seus respectivos mapas sociolingüísticos escolares.

Pero Academia e Concello lembran que tamén é precisa a implicación da Xunta de Galicia, responsable da xestión dos centros educativos, e agradecen a colaboración que este ano lle brindará a Modo Galego, actívao! o Goberno autonómico. “Para o Concello de Ames é unha verdadeira honra que este programa, iniciado en colaboración con RAG, continúe medrando co apoio da Xunta. Consideramos que a promoción da lingua galega é unha responsabilidade compartida por todas as administracións públicas”, engade o alcalde.

O secretario xeral da Lingua destaca igualmente a importancia de apoiar “iniciativas de éxito como Modo Galego, actívao!, que reforzan notablemente a presenza do noso idioma nos espazos escolares de socialización”, e confía en que poida reproducirse noutros colexios. “Pode parecer unha acción sinxela, pero precisa de estudo, planificación, execución e avaliación para que se poida replicar  –cos debidos axustes– noutros centros de Galicia”, apunta Valentín García.
 
Henrique Monteagudo, María López-Sández, Blas García e  Valentín García interviñeron no acto de presentación da nova edición que acolleu este mediodía o CEP de Ventín canda a súa directora. María Pérez Escariz salienta o compromiso de toda a comunidade educativa deste colexio con Modo Galego, actívao! e coincide en que este ha ser o factor fundamental para o seu éxito.  “Non se trata só de falar de galego como materia escolar, senón de practicar o galego como lingua de comunicación de cada día. Un proxecto así non funciona sen a implicación activa de todas as persoas aquí presentes: do profesorado que acompaña día a día o alumnado, das familias que despois continúan esa práctica na casa, e do propio alumnado que escolle o galego como lingua de uso”, conclúe.