Medalla Castelao a Víctor Freixanes

A Real Academia Galega congratúlase por este merecido recoñecemento á traxectoria de servizo á cultura galega do escritor, editor e presidente da Real Academia Galega entre o 2017 e 2025, “unha das voces máis importantes da literatura galega das últimas décadas”, en palabras do xurado. O escritor pontevedrés é autor de títulos de referencia da novela galega contemporánea, como O triángulo inscrito na circunferencia (1982) ou O enxoval da noiva (1989).

Escritor, editor, xornalista e profesor, Víctor Freixanes (Pontevedra, 1951) deuse a coñecer a coñecer cun libro emblemático da literatura xornalística galega: Unha ducia de galegos (1976), á que lle seguiu Memorias dun fuxido (1980), finalista do Premio Internacional da Prensa en Niza. Mais será no ámbito da narrativa onde realizará as súas achegas máis importantes á cultura galega con novelas como O triángulo inscrito na circunferencia (1982), O enxoval da noiva (1989), A cidade dos césares (1993) e Cabalo de ouros (2010) que mereceron premios como o Blanco Amor, o Premio da Crítica Galega, o Premio da Asociación de Críticos de España ou o Premio Gonzalo Torrente Ballester.

Como editor, foi director xeral da editorial Galaxia entre 2002 e 2016 e codirector da revista Grial. Con anterioridade, fora director xeral de Edicións Xerais de Galicia (1988-1993) e de edicións do Grupo Anaya e director de Alianza Editorial (1994-1998).

No que atinxe ao seu traballo xornalístico, foi cofundador de Teima (1976), primeira revista de información xeral en lingua galega despois da ditadura de Franco, redactor entre 1974 e 1980 de Radio Popular de Vigo, ou director entre 1985 e 1986 do programa de TVG A Trabe de Ouro. É profesor ad honorem do departamento de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, institución na que se doutorou en Filoloxía Románica en 1998.

As outras persoas recoñecidas nas Medallas Castelao 2025 foron o grupo de música folk Luar na Lubre, Emilio Pérez, presidente do grupo Pérez Rumbao; Rosa Rodríguez, médica xubilada de Atención Primaria; e a Asociación Galega de Afectados pola Esclerose Lateral Amiotrófica.