Marilar Aleixandre, primeira doutora honoris causa da Universidad de Almería

A Universidad de Almería investiu a Marilar Aleixandre doutora honoris nunha cerimonia na que a académica defendeu o pensamento crítico como "ferramenta poderosa" para enfrontar os desafíos da desinformación e combater o negacionismo. A catedrática ad honorem da Universidade de Santiago de Compostela é a primeira muller que pasa a formar parte do claustro de honra da UAL, e tamén a primeira investigadora do campo da educación e da didáctica que acada este recoñecemento na mesma institución.

1/3

A UAL sinala os méritos académico e científicos de Marilar Aleixandre, de quen destaca a súa condición de pioneira na investigación en argumentación científica para o pensamento crítico; e lembra ademais que a catedrática de Didáctica das Ciencias da USC é unha destacada escritora en galego, merecedora do Premio Nacional de Narrativa de 2022 pola súa novela As malas mulleres, e a tradutora á nosa lingua do primeiro libro de Harry Potter.

Amadriñada por Rut Jiménez Liso, Marilar Aleixandre recibiu o diploma de honoris causa o pasado venres xunto ao astrónomo John Beckman, quen tamén realizou unha defensa da ciencia e do pensamento crítico. No seu discurso, titulado Mensaxes das estrelas, guías do pensamento crítico, a académica advertiu que “recoñecer que o coñecemento científico ten un grao de provisionalidade non significa que deixemos de confiar nel, sobre todo nun ataque sen precedentes á ciencia”. “Os desafíos ambientais, de saúde, de desinformación son moi grandes. Para enfrontar a desinformación temos o pensamento crítico, que parece fráxil, mais se o adopta a cidadanía, pode ser unha ferramenta poderosa para comprender que somos parte do ambiente, que non estamos sobre el ou fóra del, e escribir o noso propio destino”, expresou.